O Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, o cal celebra a súa 23ª edición do 6 ao 9 de xuño de forma paralela á feira Abanca Semana Verde, volverá contar no seu programa cos Encontros Internacionais de Compradores. Un espazo de negocio que facilita ás empresas presente no certame a apertura de novos mercados, tanto en España como noutros países.
Nesta edición os Encontros volven a medrar, contando coa participación dun 16% máis de importadores e distribuidores dun 21% máis de países. Así, os expositores presentes no certame poderán mostrar as súas propostas a 29 compradores alimentarios de 17 países. Estes serán Alemaña, Australia, Bélxica, Colombia, China, Dinamarca, España, EE.UU, Holanda, Xapón, México, Noruega, Perú, Reino Unido, Rusia, Suíza e, por primeira vez no salón, Singapur. Un país de gran interese para a oferta alimentaria presente polo seu importante crecemento económico e o seu alto grado de apertura, ademais da súa condición estratéxica como punto de conexión con Asia.
Destes participantes 21 son importadores e 8 son compradores nacionais, correspondéndose estes últimos con distribuidores, empresas relacionadas co canal Horeca e tamén cadeas de distribución alimentaria españolas ou con presenza no país como son Carrefour, Gadisa e El Corte Inglés.
Os produtos máis solicitados polo conxunto dos compradores participantes nesta edición son os viños e aceites con Denominación de Orixe, os queixos, as conservas tanto de pescado como vexetais, elaborados cárnicos, snacks e froitos secos, mel e produtos de panadería. Ademais, resultan de interese para moitos dos compradores os produtos ecolóxicos e artesáns en xeral.