Este mércores tivo lugar a presentación das Xornadas de portas abertas das Rutas do Viño de Galicia, que este ano se celebrarán entre o 7 ao 9 de xuño nas denominacións de orixe Rías Baixas e Ribeiro, e do 14 ao 16 nas de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras.
Unha iniciativa que permitirá aos visitantes coñecer un total de 67 adegas, ás que poderá acceder de xeito gratuíto e guiado e nas que se ofrece un completo programa de actividades dispoñible na web das xornadas. Paralelamente, en todas as denominacións organizaranse actividades como catas comentadas, visitas a museos, rutas monumentais, paseos en barca, descontos en aloxamentos e outras accións relacionadas co mundo do viño.
Para facilitar os desprazamentos, a Xunta pon a disposición o Bus do Viño, que conectará diferentes cidades galegas coas denominacións de orixe, de xeito que os participantes poderán vivir a experiencia con total comodidade e despreocupación.
Na presentación das xornadas participarón o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o conselleiro de Medio Rural, José González, O primeiro afirmou que as xornadas “serán, un ano máis, unha excelente oportunidade para atraer turistas e tamén para que os propios galegos poidamos descubrir paisaxes e comarcas que aínda non coñecemos”. Ademais, destacou que este tipo de eventos “axuda a desestacionalizar e a diversificar a oferta por gran parte de Galicia, permitindo que os beneficios que xera o turismo cheguen a todo o territorio”.
O titular de Cultura e Turismo explicou que o apoio ao sector tradúcese nunha achega de 230.000 euros para a realización destas xornadas ata 2021, e noutros 236.000 euros destinados á sinalización das rutas das DO Rías Baixas e Ribeiro xa executadas. Nunha segunda fase acometerase a sinalización das DO Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. Ademais, Román Rodríguez fixo referencia á próxima posta en marcha dos plans de dinamización turística para as cinco zonas denominación de orixe, froito da colaboración de diversos departamentos da Xunta co obxectivo de impulsar economicamente estes territorios.
Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, puxo en valor o viño galego como “principal elemento dinamizador” dos territorios que compoñen as cinco denominacións de orixe vitivinícolas da nosa comunidade. Neste sentido, cualificou as rutas do viño como unha “oportunidade” para amosar o “orgullo que temos por todas estas denominacións de orixe”.
José González salientou ademais que cada unha das DO galegas teñen a súa propia personalidade, malia que estean próximas xeograficamente, polo que invitou a todos os presentes a ser “coñecedores e usuarios” das devanditas rutas, coas que se está a promocionar o enoturismo en Galicia.