VIII Xornada de Portas Abertas da Ruta do Viño do Ribeiro centrada no Camiño do Viño

A Ruta do Viño do Ribeiro presenta as actividades para a VIII Xornada de Portas Abertas nas Rutas dos viños de Galicia, un programa repleto de propostas enoturísticas para todos os públicos, e continúa un ano máis co  ViñoBus da Ruta do Viño do Ribeiro.
As Xornadas celebraranse nos días 8 e 9 de xuño durante os cales o público visitante poderá participar nas actividades que habitualmente se programan como :
  • Visitar as adegas adheridas á  Ruta do Viño do Ribeiro e degustar os seus viños:  ás 11:30, ás 13:00 e ás 17:00 horas, do sábado 8 e ás  12:00 horas do domingo 9 de xuño.
  • Gozar de experiencias enogastronómicas cos menús especiais que ofrecen os nosos restaurantes.
  • Descansar entre viñedos, xa que os aloxamentos participantes ofrecen prezos especiais nas súas estadías
Ademais, a organización das VIII Xornadas de Portas abertas quere repetir a experiencia co  ViñoBus xa que este recurso facilita e promove a participación de público de diferentes puntos de Galicia. Sairán autobuses dende Vigo, Ourense, Santiago de Compostela e Pontevedra, que percorrerán, acompañados de guías turísticas profesionais, as diferentes adegas que participan na Xornada.
Nesta edición dáse especial importancia á promoción do patrimonio histórico un recurso moi ligado á cultura do viño e a súa importancia neste territorio. Por esta razón, as rutas do viño bus inclúen visitas teatralizadas de lugares tan relevantes como o Mosteiro de San Clodio en Leiro ou a Pazos de Arenteiro, ou ao casco histórico de Ribadavia.

O sábado 8 de xuño, as rutas dos ViñoBus rematarán en Ribadavia onde a partir das 20 00h, poderán disfrutar da gastronomía que nos ofrecen os restaurantes socios da Ruta do Viño do Ribeiro, no Sábado de Tapeo con sabor a Ribeiro, que terá lugar na Igrexa da Madalena e a entrada ten un custe de 5 euros. Caldaria, Gastro Bar O Birran, , Nautico Castrelo de Miño, Tapería Val do Deva e Sábrego Restaurante ofrecerán pinchos elaborados exclusivamente para esta Xornada que serán acompañados de Viños das adegas da D.O. Ribeiro socios da Ruta.

O domingo 9 de xuño, AMECHIR, o Museo Etnolóxico e o Concello de Ribadavia, organizan a Andaina O Camiño do Viño. Ribadavia- Compostela// Etapa 1.  Esta actividade defínese no marco da promoción da Ruta do Viño do Ribeiro para 2019, centrada na identificación desta Ruta como o Camiño do Viño, co obxecto de por en valor a relevancia histórica do Ribeiro na cultura do viño de Galicia e a súa vinculación coa cidade de Santiago de Compostela.  Este roteiro sairá de Ribadavia ás 09:30 para pasar por Santo André de Camporredondo, Esposende ou Pazos Hermos, incluíndo teatralización de escenas do camiño dos Arrieiros.

Tamén os socios da Ruta do Viño do Ribeiro programan actividades a nivel individual para promover a particicpación do público, así Adegas Celme propón unha cata maridaxe Celme, pan e queixo, que inclúe, visita a adega con cata e degustación de queixos das catro D.O, acompañada pola Sumiller Mercedes González, será o sábado 8 de xuño ás 18:30 horas e o prezo é de 20€. Para o domingo, adegas Celme, proponnos unha andaina ao Castro de Santa Lucía en Castrelo de Miño e posterior cata no lagar milenario no que se facía o viño no século I d. C, ás 12:30 con saída da mesma adega e un prezo de 25€.

Bodegas Cunqueiro ofrece o domingo 9 ás 11 00h unha visita de formación polos 100 anos de historia da adega con degustación de viño das fincas visitadas. O prezo é de 10€ por persoa.  

Outra forma de gozar da Ruta do Viño é cun paseo a cabalo que ofrece Casal de Armán o sábado 26 e o domingo 27 ás 11 h, previa reserva, para un mínimo de 4 persoas e por un prezo de 100 euros, que inclúe degustación.

Como remate desta VIII Xornada de Portas Abertas a Ruta do Viño do Ribeiro ofrece a posibilidade de viaxar polos diferentes vales desta D.O. a través dos seus viños. O domingo 9 de xuño sairá un autobús dende o parque San lárazo en Ourense, para conducir aos participantes ao Pazo Carballo, en Ribadavia, onde se degustarán os viños elaborados no Val do Miño, a segunda parada será en Arnoia Caldaria, para coñecer os viños do val do Arnoia e finalizaremos o percorrido en Pazo de Esposende (Ribadavia) para disfrutar con viños do Val do Avia, acompañados de petiscos. A actividade, Somos Ribeiro, do Avia, do Miño, do Arnoia ten un prezo de 10€.

Toda a información sobre inscrición e reservas pódese atopar en www.rutadelvinoribeiro.com