Bandas de música das catro provincias galegas reuniranse esta fin de semana na Cidade da Cultura, máis de medio milleiro de intérpretes que participarán no Serán’02: II Encontro Galego de Cultura Popular, un evento promovido pola Xunta para para impulsar e pór de relevo a cultura galega de base.
Dende hoxe venres ata o domingo desenvolverase un intenso programa enteiramente de balde no que están presentes as dúas únicas bandas municipais profesionais de música de Galicia –A Coruña e Santiago de Compostela–, que ofrecerán un concerto dobre de apertura hoxe ás 21:00.
Outro dos pratos fortes do Serán’02 será o Baile Irmandades da Fala, que transformará a praza central do Gaiás nunha verbena ao estilo de comezos do século XX convidando aos asistentes a achegarse caracterizados da época para danzar ao son das bandas de música de Lalín, Santa Cruz de Ribadulla, Unión Musical de Valladares e A Lira de Ribadavia, e das charangas tradicionais de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos. Ao longo da noite repartiranse premios ao mellor vestiario e á parella de baile que demostre unha maior destreza e habilidade nesta noite festeira.
A danza estará moi presente en toda a xornada do sábado do Serán’02, xa que ao longo de todo o día estaranse a impartir obradoiros de baile agarrado, de balde e destinados a todo tipo de público. Nestes cursos intensivos, os asistentes van poder aprender a técnica básica da polca, o valse, a mazurca, o pasodobre ou o chotis con grandes profesionais da danza como Suso Cancelas ou Xisco Feijoo. O Baile Irmandades da Fala será a oportunidade perfecta para, apenas unhas horas despois, pór en práctica todo o aprendido.
No Serán’02 tamén poderemos gozar dun concerto da Unidade de Música do Tercio Norte de Infantería de Marina de Ferrol na mañá do sábado. Xa na xornada do domingo o prato forte do día serán o concerto da Banda de Música Sons e Soños (Outeiro-Rábade-Begonte) ou un dos espectáculos elixidos no concurso Innova-Agadic de proxectos que exploran novos escenarios musicais e culturais. Trátase de Saliceta, un espectáculo no que Banda de Música de Salceda de Caselas interpretará unha suite tradicional galega incorporando música coral e tradicional que servirá como peche destes tres días de música no Gaiás.