A Deputación da Coruña colabora co festival Abride a Fiestra

A área de Cultura da Deputación da Coruña colabora coa Fundación Rosalía de Castro na segunda edición do festival 'Abride a Fiestra', que terá lugar os días 13 e 14 de xullo na Casa de Rosalía, e que acollerá diferentes manifestacións culturais tendo a Rosalía como figura central. 

O festival ofrece en dúas xornadas un amplo programa en que participarán Cristina Pato, Davide Salvado, Ugia Pedreira, Secho, Paco Nogueiras e a Coral de Padrón no apartado musical. 4444

O programa comezará o sábado 13, cun recital poético multilingüe co Colectivo de Poetas en Bruxelas e un grupo representativo da poesía galega actual. Rematará a xornada cun concerto de Cristina Pato acompañada por Roberto Comesaña, o único desta temporada que ofrecerá en Galicia. 

O día grande será o 14 de xullo (a data do pasamento de Rosalía de Castro é o 15 de xullo, mais nesta ocasión adiantouse un día o evento), que se celebrará cunha xornada de portas abertas na Casa-Museo, na que ademais de actuacións musicais, unha ludoteca e unha feira con produtos rosalianos, haberá visitas guiadas por personaxes coñecidos ou especialistas. 

Entre as persoas que guiarán polos diferentes cuartos da Casa da Matanza están o escritor Pedro Feijoo, o deseñador Pepe Barro -experto nas imaxes rosalianas-, o ex presidente da RAG Xosé Ramón Barreiro, o profesor Francisco Rodríguez e o estudoso da horta rosaliana, Carlos Dacal. E unha moi especial, protagonizada pola poeta Olga Novo, na que irá recitando poemas propios en cada estancia da casa.