O Camiño de Santiago será o protagonista absoluto da producción 3Caminos, unha serie de televisión internacional e transmedia encabezada pola empresa compostelá Ficción Producciones que contará cunha achega de máis 1,5 millóns de euros por parte da Xunta, como adxudicataria da convocatoria dunha subvención específica da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para obras audiovisuais que difundan os valores do Camiño e a imaxe de Galicia de cara ao Xacobeo 21.
A historia versará sobre as vivencias compartidas ao longo do tempo por cinco mozos peregrinos doutros tantos países. A gravación dará comezo en novembro deste ano e estenderase durante oito meses, trasladándose tamén aos países de orixe dos protagonistas: ademais de España, Alemaña, Corea do Sur, Francia e México.
Presentaranse varias historias de descubrimento persoal, centradas nos tres momentos nos que comparten peregrinación a través de flashbacks e flashforwards por 1996, 2006 e 2021. Mediante estes personaxes, a serie farase eco, así mesmo, das miles de vivencias que se suceden cada ano ao longo do Camiño de Santiago, que se converte nun protagonista máis deste ficción.
Definida polos seus produtores executivos como unha serie feel good, trátase dunha historia de personaxes, nun contorno preciosista e único, a través da que se buscan resaltar os valores e as bondades dunha ruta de peregrinación que une as culturas e as realidades máis diversas a través de camiñantes chegados de todo o mundo.
Ademais, 3Caminos contará cunha gran campaña transmedia, elaborada especificamente por Fluor Lifestyle, recoñecida en 2018 como Mellor Axencia Independente de Innovación de España no Festival Iberoamericano de Creatividad y Estrategia. A súa implicación neste proxecto sumará esforzos na proxección exterior da imaxe de Galicia, o Camiño de Santiago e o Xacobeo 21.
Os seus produtores executivos e autores da idea orixinal, Mamen Quintas e Julio Casal, compartiron co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, unha presentación que tivo lugar na terraza do Hostal dos Reis Católicos e na que tamén participaron o realizador galego Norberto López Amado, quen codirixirá a serie xunto ao alemán Gregor Schnitzler, así como os representantes dos dous importantes socios internacionais cos que xa conta o proxecto: Ricardo Carbonero, xefe de adquisición de contidos de Amazon Prime Vídeo en España, e Christian Gockel, vicepresidente executivo de vendas e adquisicións internacionais do grupo alemán Beta Films, un dos máis importantes en distribución e produción a nivel europeo.
Como explicou Román Rodríguez, ademais de Amazon Prime Vídeo e Beta Films, 3Caminos conta con coprodutores internacionais en Italia, Corea do Sur, México e Chile, países nos que está garantida a emisión desta serie a partir da súa estrea a finais de 2020 e acompañada de “potentes estratexias de comunicación e marketing”.
Neste sentido, o titular de Cultura e Turismo fixo fincapé en que esta serie de ficción será unha inmellorable plataforma de expansión para o talento galego, coa implicación de medio cento de profesionais do noso sector audiovisual, entre os que figuran, por exemplo, Manu Riveiro e Iván Ferreiro na banda sonora. De feito, tal e como garanten as bases das axudas das que foi adxudicataria esta proposta, máis do 110% da inversión que achega a Xunta estará destinada á contratación de empresas, intérpretes e técnicos galegos, que neste caso formarán parte dun amplo equipo de traballo que rodará en seis idiomas (galego, español, inglés, francés, alemán e coreano) e en cinco países de tres continentes.