O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Juan Casares, reclamou unha maior implicación de todos os axentes políticos e sociais na persecución da fraude no uso das marcas de calidade, algo que está a afectar moito aos seus viños. “Creo que calquera tipo de fraude debe ser perseguido pero cando se trata de especular cunha marca histórica como é o Ribeiro esta loita debe acadar rango de cuestión de país. Non se pode xogar con empregos, ilusións e proxectos de vida de miles de viticultores e adegueiros.”
Casares fixo estas declaracións no marco da xornada “A cesta da compra a exame”, organizada pola organización Unión de Consumidores de Galicia na Cidade da Cultura, que compartiu con Melisa Pagliaro, responsable de marketig de GADISA; Elva Otero, responsable de comunicación e promoción do CRAEGA e Gloria Bernárdez, delegada en Ourense da asociación de celíacos de Galicia.
Paralelamente, o presidente do Ribeiro reivindicou o bo momento que vive a súa denominación de orixen, defendendo o papel do consello regulador “como eixo vertebrador dunha comarca esencialmente vitivinícola e como factor de cohesión dun territorio histórico onde a viticultura é o motor económico. Dende o Consello Regulador xestionamos recursos, calidade, promoción, pero tamén somos un axente xerador de oportunidades para os nosos asociados”.
Neste sentido, Juan M. Casares reivindicou unha maior sensibilidade co territorio que abrangue a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, “o Ribeiro precisa fotos con texto, é dicir require medidas de apoio claras e contundentes. Algunhas destas medidas derivarán necesariamente do Estudio socioeconómico e Plan estratéxico que se está a elaborar grazas ao apoio claro da Deputación Provincial de Ourense.”.