O ciclo de concertos de balde para acompañar o solpor na Cidade da Cultura volven polo verán, con 20 actuacións ao aire libre todos os xoves, venres e sábados do 4 de xullo ao 17 de agosto. O cartel do Atardecer no Gaiás deste ano é diverso en tendencias musicais, con hip-hop, trap, dance, electrónica, flamenco-pop ou cumbia, que tanto éxito están a ter entre a xente máis nova, aínda que non faltará o pop, o reggae, o indie ou o rock. Ademais, esta edición consolida a aposta polas voces femininas nun abano amplo de rexistros, que vai desde o jazz-soul de Cecilia Krull, que abrirá o ciclo; ao rock das galegas Agoraphobia, hip-hop de Miss Boliva ou os ritmos tropipunk das Kumbia Queers.
Patroconada por Cervezas Alhambra e coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas (Inaem), Atardecer no Gaiás é unha das citas imprescindibles e consolidadas da programación de Verán no Gaiás, que conta este ano cun cento de actividades de entretemento cultural, pensadas para todos os públicos. Entre as propostas predominan as que se celebran ao aire libre –como é o caso deste ciclo– e tamén as de pleno contacto coa natureza –Unha noite no Bosque ou Camiño ao Gaiás– sen detrimento daquelas nas que o lecer está vencellado coa arte e exposicións actuais, como As Nocturnas ou os campamentos urbanos para a cativada no Museo Centro Gaiás.
O cartel de Atardecer no Gaiás pretende reflectir e recoller unha escolma da actualidade musical, tanto a nivel internacional como galega, que conta cun peso relevante e de estilos variados, cun total de 8 artistas/formacións na programación. Deste xeito, enriba do escenario Cervezas Alhambra vaise poder escoitar unha escolma do talento galego no eido da música, como De Vacas –coas súas divertidas e retranqueiras versións– ou Agoraphobia. Estas rapazas do Barbanza contan cun recoñecemento unánime pola crítica especializada, que fai que nos últimos anos estean nos carteis de festivais de toda España.
Este ciclo tamén trae á Praza Central do Gaiás artistas do eido nacional que están a triunfar, como é o caso de Cecilia Krull, que abrirá o ciclo. O jazz desta madrileña valeulle discos de Ouro en Francia e Platino en Italia, onde os seus temas teñen estado liderando as listas das emisoras, xa que é a autora e a intérprete de My life is going on, coñecida canción da serie de éxito La Casa de Papel.
No eido internacional, Atardecer no Gaiás musicará solpores a ritmo de trap, hip-hop, dance e cumbia. Trátase de propostas que convidan ao baile, nas que se atopan os mexicanos Kumbia Boruka ou Miss Bolivia.