A terceira edición do Blues Museum celebrarase os días 19, 20 e 21de xullo, cunha ampla axenda de concertos ao aire libre con entrada gratuíta entre os que destacan artistas de talla internacional como Watermelon Slim ou YolanDa Brown, acompañados de bandas como Aretha Soul Divas & The Silverbacks, Izo Fitzroy, Chris O’Leary Band e Ben Poole”.
O festival foi presentado pola Deputada de Cultura en funcións da deputación provincial, Pilar García Porto, acompañada do Voceiro do Concello de Lugo, Miguel Fernández Méndez. García Porto explicou que esta nova programación “é unha nova aposta cultural da Deputación que brinda a oportunidade de gozar de xeito gratuíto a todos os visitantes dos mellores artistas do blues, e ao mesmo tempo, de desfrutar do noso patrimonio histórico, xa que o espazo dos concertos convive entre Patrimonio da Humanidade como a Muralla de Lugo, o Camiño Primitivo ou a Catedral de Santa María”.
A Deputada remarcou que “serán 9 actuacións nas que participan 6 artistas do mellor do panorama internacional con directos vibrantes cos que desfrutar a ritmo de blues. Entre eles destaca Watermelon Slim, o único nome que logrou 6 nominacións dous anos consecutivos nos Blues Music Awards, e 17 nominacións en total en 4 anos, con traballos destacados como o multipremiado The Wheel Man ou a súa incursión no contry-and-western con Escape from the Chicken Coop.
Tamén brilará con luz propia YolanDa Brown, a nova saxofonista británica con raíces xamaicanas foi a primeira artista galardoada con dous premios consecutivos MOBO ao Mellos Jazz. A progresión ascendente da súa carreira é indiscutible, e co seu novo álbum Love Politics War, sorprendeu a todos pola destreza coa que mestura jazz, reggae e soul, e está cargado de mensaxes sociais, reflectindo o estado actual do mundo coas súas tensións políticas e os seus numerosos levantamentos e protestas, coa mensaxe subxacente de que o amor conquístao todo. Unha auténtica muller do renacemento contemporáneo, cuxo show en directo é toda unha experiencia; Brown domina á perfección o que é o seu medio natural: o escenario.