A posta en valor do patrimonio cultural de Sobrado

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou hoxe as obras de conservación e posta en valor do Mosteiro de Santa María de Sobrado. Unha actuación que ten como obxectivo recuperar o esplendor deste senlleiro conxunto monumental. Non en balde, ademais de ser recoñecido como ben asociado aos Camiños do Norte na Lista do Patrimonio Mundial, o Mosteiro de Sobrado dos Monxes é Ben de Interese Cultural desde 1931 e, polo tanto, goza da máxima protección legal. 

Durante o percorrido polas instalacións, o titular autonómico comprobou de primeira man o desenvolvemento dos traballos que se están a executar e nos que a Xunta de Galicia está a realizar un investimento superior aos 1,4 millóns de euros. Actualmente, estanse a realizar labores de limpeza dos elementos escultóricos nas fachadas sur e oeste e no interior, estase traballando na restauración do retablo da capela do Rosario. Tal e como explicou Román Rodríguez durante a visita, as obras corrixirán deficiencias derivadas das filtracións de auga e das humidades presentes no inmoble. Deste xeito, traballarase na corrección destes desperfectos, retirarase o fibrocemento con amianto existente na cuberta e acondicionarase como espazo de lectura a antiga capela dos monxes no claustro da hospedería. 

Así mesmo, Román Rodríguez anunciou que a Xunta de Galicia vén de licitar por un importe de 275.000 euros unhas obras para pór en valor as estruturas arqueolóxicas do campamento romano de Ciadella. 


Fito monumental do Camiño do Norte 

Román Rodríguez enxalzou o alto interese cultural deste mosteiro que constitúe “o principal recurso turístico da comarca de Terra de Melide, e un dos máis singulares en Galicia que está incluído na declaración de Patrimonio da Humanidade como parte do Camiño de Santiago do Norte”. 

Cómpre destacar que o mosteiro de Santa María é un gran complexo que alcanzou o seu apoxeo nos séculos XV e XVI. Nel destacan as capelas da Madalena e do Rosario, e a sacristía Renacentista. Completan a edificación os tres claustros e a sala capitular. 

Este proxecto de conservación e posta en valor do mosteiro está vinculado ao Plan Estratéxico do Xacobeo 21, “unha folla de ruta coa que traballaremos para que o noso patrimonio cultural e as rutas xacobeas estean en perfecto estado de revista para o vindeiro Ano Santo”, explicou o conselleiro e que contempla un investimento total de 247 millóns de euros. Estas actuacións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.