A vía verde Santiago-Cerceda acada financiación europea

A Deputación da Coruña vén de recibir 1,86 millóns de euros de fondos FEDER para facer realidade a primeira vía verde da provincia da Coruña, que conectará os municipios de Santiago e Cerceda cun sendeiro de 36,5 quilómetros sobre as antigas vías do ferrocarril.

Así o comunicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a reunión que mantivo cos alcaldes de Ordes, José Luís Martínez Sanjuro; Oroso, Manuel Mirás; Tordoia, Antonio Pereiro e Cerceda, José García Liñares; á que tamén asistiron a concelleira compostelá e deputada provincial Milagros Castro e o deputado responsable da área de Transición Ecolóxica, Emprego e Mobilidade Sostible, José Ramón Rioboo, e o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, ademáis de técnicos dos diferentes departamentos da institución provincial que se encargarán do desenvolvemento do proxecto.

Segundo explicou González Formoso, aos 1.860.501 euros recibidos de fondos europeos para proxectos que fomenten a mobilidade sostible e a economía baixa en carbono sumarase unha achega de 535.129,26 euros da Deputación da Coruña "para facer realidade un proxecto ambicioso e tecnicamente complexo: a construción da primeira vía verde da provincia e a de maior lonxitude de Galicia. Unha idea que comezou a xestarse hai máis dunha década e que agora, unindo as forzas da Deputación da Coruña e dos cinco concellos implicados queremos facer realidade neste mandato".

A vía verde Santiago-Cerceda suporá ademais unha alternativa segura para os ciclistas e sendeiristas, que evitarán circular polas marxes da estrada; así como para os peregrinos que transitan pola ruta xacobea Santiago- Coruña-Fisterra, que poderán percorrer parte dela atravesando espazos de gran interese medioambiental, histórico e cultural.

A vía verde contará cunha lonxitude total de 36,5 quilómetros, dos que 13 corresponden a Santiago de Compostela, 7,19 a Oroso, 8,3 a Ordes, 2,48 a Tordoia e 5,5 a Cerceda.