Celebrouse en Lugo un acto de irmandade entre as asociacións castrexas do Arde Lucus e os castrexos que dan vida ao Oenach Atlántico de Narón, festexo que organiza a asociación veciñal Rosa dos Ventos de Sedes. O acto foi apoiado pola alcaldesa de Lugo, Lara Mëndez, e pola rexedora de Narón, Marián Ferreiro, xa que ambas festas son impulsadas polos respectivas administración locais.
No acto teatralizado na Praza Maior participaron máis de 50 veciños e veciñas das asociacións dos dous concellos caracterizados con traxes propios da época castrexa.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, valorou de xeito moi positivo este acto de irmandade entre as asociacións castrexas xa que “todas aquelas accións que supoñan unha posta en valor da nosa riqueza histórica e das nosas festas son especialmente positivas, e máis cando compartimos, como neste caso, o desexo de recuperación dunha cultura e dunhas tradicións que forman parte de nós e a sensibilidade de dalas a coñecer desde un rigoroso estudo histórico sobre as mesmas”.
“A creación de sinerxías nas que participen os colectivos do Arde Lucus, como os xa existentes de ámbito nacional e incluso internacional, son sempre benvidas, e o Concello estará en todos aqueles actos que permitan crecer e impulsalos”, incidiu.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, agradeceulle á alcaldesa Lara Méndez e ás asociación castrexas do Arde Lucus a “disposición e total colaboración” para levar a cabo o irmanamento entre as asociación que axudan a organizar as festas declaradas de Interese Turístico de Galicia (no caso lucense, tamén a nivel de España) e que contan xa con arredor de dúas décadas de historia (no caso de Narón celebrarase esta fin de semana a vixésimo primeira edición). Ferreiro transmitiu o “orgullo” polo traballo realizado desde as asociacións de veciños todos estes anos e comprometeuse a “sumar forzas e crear sinerxias” con Lugo “para reforzar e difundir as raíces culturais” de Galicia. Ademais, convidou a que toda a poboación lucense e galega se anime a coñecer o Oenach Atlántico de Sedes, que se celebra esta fin de semana do 26, 27 e 28 de xullo coa representación da vida celto galaica en pallozas e con múltiples recreacións, espectáculos de música infantil e concertos.
Pola súa banda, a concelleira de Xuventude, Ana González Abelleira, falou da importancia da creación de vínculos de proximidade con outras celebracións, e máis, “como neste caso, cando medran cada ano grazas non só ao impulso institucional dos concellos senón ao enorme traballo que desenvolven durante todo o ano os diversos colectivos que participan nelas”.