A alcaldesa Inés Rey presentou xunto co presidente da Asociación de Comerciantes da Cidade Vella (ACECA), Adolfo López, a programación da XXV Feira das Marabillas, que se abrirá ao público o martes, ás 11.30 horas e que situará aos visitantes no medievo durante seis xornadas nas que haberá unha representación diaria e de balde dos antigos "concellos" no adro da igrexa de Santiago porque, que era alí onde se facían no pasado. As funcións programaranse todos os días ás 18.00 horas e será unha das novidades xunto coa posta en escena dun dragón xigante que percorrerá o casco histórico.
Inés Rey sinalou que o evento forma parte xa do ADN das festas de María Pita e da cidade e lembrou que en cada edición se achegan preto de 150.000 visitantes, polo que espera que este ano teña máis afluencia aínda. Comentou a alcaldesa que desde o Concello se fará unha aposta forte polos eventos estivais e animou aos coruñeses e turistas a visitar a Feira das Marabillas e coñecer de primeira man a Cidade Vella, "un punto urbano ao que o Goberno local lle adicará unha especial atención". Apuntou que se traballará na rehabilitación de vivendas, en políticas de aluguer que favorezan o dinamismo do barrio e na urbanización para rematar ao mesmo tempo o proceso de peatonalización iniciado polo anterior goberno.
Ademais, o colectivo organizará un encontro de música medieval o sábado 27, ás 20.30 horas. En María Pita, instalarase o Recuncho das Pícaras, onde os máis pequenos poderán desfrutar de camas elásticas, cadeiras voadoras, barcaza, norias, un xadrez xigante, tiro con arco ou dunha gardería inspirada na época. Tamén poderán subir en atraccións e asistir a recreacións como a de vestir a un cabaleiro ou participar en xogos inspirados no medievo. Faranse ao mesmo tempo demostracións de fiado e cardado de lá, panaderías, torneiría de madeira e esparto. No resto do perímetro, a Feira das Marabillas contará con preto de 220 postos que estarán abertos nun horario de 11.00 a 14.30 e desde as 17.00 ás 02.00 horas, cunha sección de 15 expositores en María Pita, ocupados exclusivamente por artesáns.
O programa presentará citas musicais todos os días na praza das Bárbaras e espectáculos de danza, lume e acrobracias amenizando as prazas de Azcárraga e da Constitución.
Adolfo López destacou a reactivación comercial que supón este evento para a Cidade Vella xa que máis alá dos expositores da propia feira, as visitas que reciben durante estes días tradúcense nun aumento dos postos de emprego e do consumo nos locais de hostalaría e nos negocios do barrio. Desde Seguridad Ciudadana anunciaron, tal e como vén sendo habitual, un plan de tráfico na zona e o reforzo dos autobuses urbanos.
Ampliarase o servizo da liña 1, que realizará a última saída desde o hospital Abente y Lago ás 23.45 horas. Así mesmo incorporarase unha unidade máis ao Búho, o servizo nocturno, que realizará o percorrido á inversa ao sentido habitual. Ademais, dado que todo o evento se desenvolve na contorna da Cidade Vella, as saídas que habitualmente se levan a cabo desde o Obelisco pasarán a realizarse desde o hospital Abente y Lago. As frecuencias do servizo nocturno serán de 30 minutos, con saída ás horas no sentido Os Castros-Castrillón e ás medias no sentido Labañou-Ronda de Outeiro.