Esta fin de semana celebrouse a 27ª edición da Festa do Percebe do Roncudo, en Corme (Ponteceso), na que se ofreceron aproximadamente 1.000 kg de percebes entre os miles de visitantes que acudiron á carpa da organización para degustalos.
En total, unhas 2.500 racións de percebes con cachelos a 20 euros cada unha, froito do intenso traballo de recollida dun produto do que se levantou a veda a semana pasada por primeira vez dende o Nadal.
Como pregoeiros desta edición a agrupación de percebeiros escolleu ao equipo do helicóptero de Salvamento Marítimo que vela pola seguridade cando traballan. Á festa acudiu o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado polos alcaldes de Ponteceso, Lois García Carballido, e Malpica, Walter Pardo Añón, e pola deputada laxense no Parlamento de Galicia, Dolores Toja.