Nunha xuntanza que se desenvolveu na sede da Deputación da Coruña, o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, presentoulle ao vicepresidente, Xosé Regueira, o proxecto que completará a rede de sendas e as entrelazará coas xa existentes unificando as conexións dos seus trazados. De maneira especial, Juan Blanco defendeu a urxencia de executar o tramo que vai de Pino de Val a Insua, dous quilómetros e medio de trazado que servirá tamén para revitalizar o núcleo de poboación e unilo co resto do concello, un tramo, segundo apuntou, de especial relevancia para a mellora da seguridade viaria.
O obxectivo do proxecto é tamén unificar todas as rutas e enlazar o Camiño de Santiago e a Vía Mariana coas distintas sendas do concello. "O proxecto suporá a elaboración dun Plan estratéxico conxunto de sendas dentro do concello, que incluirá o deseño e execución de tres novas sendas e a conexión de todas as existentes no territorio nunha iniciativa necesaria que significará unha mellora da seguridade viaria e tamén da promoción patrimonial e turística do concello", sinalou o alcalde Juan Blanco.
En total, serán máis de cen quilómetros de sendas que entrelazarán as xa existentes no concello coas tres novas propostas que van de Pino de Val a Insúa, a das fervenzas e a de Monte Pindo-Ponte de Brandomil, que atravesa tres concellos nun roteiro de especial riqueza patrimonial, co Camiño Santiago e a Vía Mariana.
O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, valorou o interese do proxecto para a dinamización turística e a promoción patrimonial do concello e tamén para a comunicación dos distintos núcleos de poboación no territorio municipal. Despois de tomar nota das explicacións do alcalde e o concelleiro de Turismo de Mazaricos, sinalou que o proxecto responde á filosofía e ao obxectivo do novo Plan de Sendas Peonís da Deputación da Coruña no que se podería inserir a súa execución e apuntou o apoio da institución para o desenvolvemento da proposta.
O proxecto do concello de Mazaricos inclúe a proposta de tres novas sendas, a das fervenzas, a senda peonil Pino de Val-Insua e a senda natural/cultural Monte Pindo-Ponte Brandomil, esta última con 45 quilómetros de lonxitude e que discorre á beira do Río Xallas. A senda pasa por lugares de especial relevancia patrimonial artística e natural como a aldea de Arcos, o miradoiro de Enxilde, a devesa de Anllares, o alto da Ruña, a aldea de Colúns, Ponte Olveira, o Miradoiro de Corzón, o encoro da Fervenza ou o Miradoiro de Lago-Aro Gabinete de Prensa Deputación da Coruña.