Non quedaron prazas por encher na viaxe inaugural da Ruta dos Camiños de Santiago, principal novidade deste ano da campaña de Trens Turísticos de Galicia impulsada por Renfe, a Xunta e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).
A primeira viaxe desta nova ruta realizouse este sábado, permitindo aos viaxeiros descubrir gran parte do patrimonio galego a través de diferentes tramos do Camiño Francés, Norte, Primitivo e Inglés. Saíndo da cidade da Coruña (Camiño Inglés) o itinerario achégase ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), á cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de San Xulián de Samos (Camiño Francés) percorrendo así catro dos dez itinerarios xacobeos en Galicia. A próxima saída deste itinerario será o 28 de setembro.
O éxito da nova ruta segue a demanda xeral da campaña, que está a ter moi boa acollida. O pasado mes de xuño pechou con case todas as saídas completas, acadando máis dun 94% de ocupación. Esta nova edición mantén, ademais da novidade da ruta dos Camiños de Santiago, as xa coñecidas Ruta dos Faros, Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, Ruta da Lamprea, a Ruta Ourense Termal e Versalles galego.
Tamén están presentes os seis trens turísticos que percorren os territorios de cada unha das cinco denominacións de orixe vitivinícola: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra –tanto no río Sil como no Miño–, Ribeiro e Valdeorras, así como a Ruta dos Mosteiros que, tras o éxito do ano pasado, duplica as súas saídas nesta edición.
En total, os viaxeiros poden desfrutar nesta edición de ata 12 itinerarios temáticos diferentes, que fan un total de 57 saídas entre os meses de xuño e outubro e que suman máis de 16.000 km de percorridos polas catro provincias. As rutas inclúen viaxes en tren, visitas guiadas e traslados en autobús e teñen un prezo por ruta de 45 euros para adultos (con descontos do 15% para grupos de 10 ou máis adultos) e 20 euros para os nenos. Os billetes pódense adquirir a través da web de Renfe e, como novidade, tamén se habilitou este ano un punto físico de venta de billetes na oficina de Renfe instalada en San Martiño Pinario.