A Deputación de Pontevedra estudia unha liña de axudas para poñer en valor o patrimonio marítimo-fluvial
A Deputación de Pontevedra está a estudar a posibilidade de abrir unha liña de axudas a asociacións para poñer en valor o patrimonio marítimo-fluvial na provincia. Así o anunciou deputada provincial de Patrimonio, María Ortega nunha visita ás instalacións do Museo das Salgadeiras de Moreiras, propiedade do Concello do Grove e xestionadas pola Asociación de Amigos das Salgadeiras.
Ortega reuniuse co presidente do colectivo meco, Miguel Ángel Pérez, a quen lle indicou que se está a estudar a viabilidade orzamentaria da iniciativa (aínda non cuantificada) á que poderían acceder por concorrencia competitiva as asociacións provinciais que dalgún xeito desenvolvan actividades ou proxectos relacionados co mar, cos ríos e cos traballos que se desenvolven neles de forma tradicional. "Ese patrimonio, como país mariñeiro e vencellado á auga que somos, forma parte da nosa cultura e da nosa identidade", dixo.
A deputada nacionalista sinalou que o proxecto da liña de subvencións podería ser unha realidade no vindeiro exercicio, cando os colectivos deberían presentar os seus proxectos para seren valorados tecnicamente e recibiren a axuda económica en función da puntuación obtida. O plan de achegas, de feito, sería complementario a outras axudas para a conservación do patrimonio que poidan recibir os concellos, tanto desde a institución provincial como doutras administracións, e estaría destinado a poñer en marcha diferentes iniciativas, estudos e programas de actividades.
O Museo das Salgadeiras de Moreiras no Grove é unha instalación etnográfica e cultural que funciona desde o 2007 despois de se reconstruíren dous almacéns de salga dos primeiros anos do 1800, un convertido nunha sala de museo e outro aberto coas instalacións rehabilitadas tal como eran hai máis de 200 anos.