Bonito de Burela, pementos de Mougán e castaña de Galicia é a proposta das Exaltacións Gastronómicas de agosto promovidas pola Deputación de Lugo e a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería. Dende ovenres ao 25 de agosto, 50 establecementos hostaleiros de 23 concellos da provincia introducirán, a través desta iniciativa, pratos con estes produtos acompañados de pan e galletas Daveiga, viño DO Ribeira Sacra e augardentes e licores.
Este programa, que comezou no mes de abril, busca promover o turismo gastronómico na provincia a resaltar a excelente calidade da gastronomía lucense a través da degustación de produtos acreditados cos selos de Indicación Xeográfica Protexida, de Denominación de Orixe, e de Raza Autóctona con selo de calidade na provincia.
Co programa Exaltacións Gastronómicas, a Deputación continúa apostando pola promoción dos produtos autóctonos de calidade como clave para a reactivación da economía da provincia. Neste senso, este mes de agosto, ademais do bonito de Burela e os pementos de Mougán, exáltase tamén a castaña de Galicia, un produto que grazas a un proceso de transformación e conservación é posible consumilo durante todo o ano e pode empregarse en multitude de receitas de cociña.
Estas xornadas gastronómicas realízanse todos os meses exaltando diferentes produtos da provincia. Cada unha ten unha duración de 10 días, comezando en venres e estendéndose ata o último domingo de cada mes. A derradeira xornada do 2019 será en novembro. Os locais de hostalería participantes incluirán nas súas cartas pratos que conteñan os alimentos seleccionados en cada mes. Na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.gal e en www.eparacomerlugo.com pódese consultar os restaurantes participantes, as datas e os produtos que se exaltan cada mes.
Na provincia de Lugo, a Festa do Bonito de Burela acaba de ser declarada de Interese Turístico Nacional, un recoñecemento que revela a importancia económica, social e turística que ten a captura deste produto para a provincia. A de Burela é a principal lonxa de Galicia en comercializar este peixe converténdose durante estes meses na capital galega do bonito do norte.
Pola súa banda, o Concello lucense de Guntín, é o maior produtor dos pementos de Mougán e o lugar onde se sitúa a sede da súa Indicación Xeográfica Protexida. Entre 5 e 6 hectáreas dedícanse a este cultivo autóctono principalmente ao aire libre. Só o 30% prodúcese en invernadoiros.
En canto ao sector das castañas, en Galicia comercialízanse entre 15.000 e 20.000 toneladas cada ano, en función da tempada. Isto supón un volume de negocio de entre 30 e 45 millóns de euros ao ano para o sector produtor, que se eleva a máis de 100 millóns de euros no sector transformador e comercializador.