30ª edición da Festa da Vendima de Leiro contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que dixo que esta celebración está consolidada como "escaparate de promoción do viño do Ribeiro, motor económico desta comarca vitivinícola". Trala benvida das autoridades e convidados na Casa do Concello, tivo lugar a lectura do pregón na praza do Cruceiro a cargo de Mariano Rajoy Brey, continuando co tradicional desfile de Carrozas e Charangas desde a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira e coa 3ª edición da Mostra de coches clásicos.
"Este tipo de celebracións, con forte arraigo na nosa provincia, dinamizan o rural, impulsan o turismo na zona e fomentan a implicación da poboación local", engadiu Manuel Baltar. Neste mesmo sentido, o alcalde de Leiro dixo que a Festa da Vendima é unha celebración que "homenaxea á xente que vive por e para o viño" e que pretende "revitalizar o noso produto estrela e auténtico motor do municipio: o viño".
A festa comezou coa recepción de acios a concurso que posteriormente foron expostos e que optan a premios que van dos 90 euros o primeiro, aos 60 euros o segundo e aos 30 euros o terceiro.
Un dos actos máis populares da festa é o concurso e desfile de carrozas, unha exposición que mostra as tarefas propias da vendima e que está dotado con premios, na categoría de adultos, que van dos 1.000 euros do primeiro aos 400 euros por participar, e na categoría infantil dos 400 euros para o primeiro aos 50 euros por participar.
Tralo xantar popular e coas actividades xa instaladas no Salgueiral como o XVI Mercado Artesanal e a 2ª Mostra dos Viños de Leiro, celebrouse a entrega de premios aos gañadores dos concursos de Acios e Carrozas e con actividades infantís e festa no Salgueiral. O deporte chegou ás 17.45 horas co partido de presentación do C.F. Leiro. Ás 20.00 horas será o concerto de Corais da Vendima e ás 21.00 horas pechará a xornada festiva unha actuación musical.