O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu a sesión constitutiva da Rede Provincial de Concellos Termais, un órgano que ten o obxectivo de manter un diálogo fluído e participativo cos municipios que forman parte desta provincia e que teñen singularidade termal, algúns deles inscritos na Sección de Vilas Termais da FEMP, sendo a provincia de España con maior número de entidadades municipais recoñecidas como vilas termais", explicou Baltar.
Na reunión constitutiva participaron os alcaldes dos 15 municipios que integran a Rede (Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños Ourense, Ribadavia e Verín), a deputada provincial de Termalismo, Ana Villarino; o redactor do Plan Termal Provincial, Mario Crecente; e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen expuxo as liñas básicas do Proxecto de Lei de Usos Lúdicos das Augas Termais.
A Rede é un órgano que permitirá que desde a Deputación de Ourense se manteña "un contacto directo cos concellos termais, no que se falarán de propostas nese ámbito, que servirá tamén de apoio aos concellos para temas como infraestruturas termais, difusión do turismo termal e, todo elo, con vistas ao 2020 no que se producirá a entrada da Alta Velocidade en Ourense", salientou Baltar.
Pola súa parte, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria agradeceu á institución provincial a súa iniciativa para constituír esta Rede que permite "a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia, a Deputación e os propios concellos termais de Ourense, e afianzar esa alianza para seguir traballando en defensa do termalismo e situar a Galicia e a Ourense como destino único, potenciando o turismo e as actividades lúdicas e terapéuticas que se desenvolven vinculadas ao termalismo".