Despois da captación de 22.000 asistentes na súa primeira edición, o Caudal Fest, que se presenta como un dos festivais musicais de referencia de Galicia, promocionará a marca do municipio de Lugo a nivel provincial, galego, estatal e internacional a través dun contrato de patrocinio publicitario que asinará co Concello de Lugo.
O obxectivo da área de Desenvolvemento Local é impulsar a dinamización cultural e económica do municipio despois de que o ano pasado a primeira edición do festival supuxera un retorno de máis de tres millóns de euros para a cidade, cunha ocupación hostaleira do100% e do 90% nas localidades colindantes.
Se a primeira edición superou as expectativas en participación, o ritmo de venda de entradas deste festival, que se desenvolverá os días 20 e 21 de setembro a beiras do río Miño, fai presaxiar que poida superarse. Cun dos carteis máis atractivos do norte de España, a día de hoxe levan despachadas máis do 80% das entradas.
O contrato do patrocinio publicitario, do que mañá se aprobarán as cláusulas administrativas e técnicas na Xunta de Goberno Local así como a adxudicación por procedemento negociado por publicidade, ascenderá a 257.000 euros. O importe baséase no informe xustificativo da rendibilidade do plan de medios do Caudal Fest elaborado por unha empresa externa independente despois de estudar o retorno publicitario da edición anterior.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, sostén que se recorre a un negociado sen publicidade porque é a figura que permite a lei “en aqueles supostos, como é o caso, en que por razóns técnicas o artísticas ou por motivos relacionados coa protección de dereitos de exclusiva, o contrato só pode encomendarse a un empresario determinado”. Neste caso, a empresa que ten a marca rexistrada do Caudal Fest e desenvolve a organización é a Old Navy Port Producciones, a mesma que tamén organiza festivais como o Son do Camiño ou o Resurrection Fest.
O impacto mediático do ano pasado, segundo Mauricio Repetto, “permite que impulsemos de novo o festival, que ofrece unha imaxe de Lugo fresca, atractiva e moderna, para que o potencial público desta cita musical descubra as potencialidades patrimoniais, paisaxísticas, gastronómicas e comerciais, non só para gozar durante o tempo do Caudal senón tamén para que atope nela un lugar atractivo para visitar, divertirse, emprender e traballar”.
O Caudal Fest é unha das apostas da alcaldesa Lara Méndez para converter Lugo nunha cidade referente das citas musicais nacionais urbanas, vinculada co desenvolvemento sostible do medio ambiente, no que ademais de grupos de fama nacional e internacional se lle ofrece unha oportunidade a grupos locais. O ano pasado, a cidade de Lugo saíu con motivo deste festival en máis dun centenar de medios, impresos e dixitais, que chegaron a unha audiencia de 15,8 millóns de persoas.
Programación variada e de calidade
O Caudal Fest 2019 contará cunha programación variada e de calidade, con dous días completos cheos de concertos como novidade respecto ao ano pasado, ampliando así a oferta musical para as persoas asistentes. Terá como cabezas de cartel aos madrileños Izal, unha das bandas con máis proxección internacional do panorama actual, e aos navarros Marea, que regresan tras máis de 6 anos sen actividade cun novo disco e unha xira que os levará por gran parte de España onde xa están rompendo récords de asistencia, cun dos poucos concertos que dará en festivais este ano. Ambos darán actuacións de longa duración para deleite de todos os seus fans.
Un dos estandartes da música galega non podería faltar este ano, o gran Xoel López, nin un dos regresos máis esperados da música lucense, Holywater. Tamén haberá lugar para a música máis actual coa actuación do exitoso Beret ou un dos artistas revelación deste ano, Carolina Durante.
Tampouco faltará a festa coas actuacións de La Pegatina e La Maravillosa Orquesta del Alcohol, La M.O.D.A., nin o lado máis urbano grazas ao rapeiro ToteKing.