Laxe é a primeira parada da exposición "O océano que nos une" na Costa da Morte. Esta mostra itinerante da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos que quedou inaugurada no Museo do Mar " e amosa os puntos clave dos museos galegos incorporados á rede REMA nunha primeira fase de adhesión. No caso do Museo do Mar, destácase o incalculable valor da herdanza de dous fotógrafos locais: José Vidal Díaz e Plácido Vidal García, que capturaron a vida da Costa da Morte a través de máis de 67.000 imaxes. Un legado fotográfico que foi declarado recentemente Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia.
Unha vez remate a exposición en Laxe, "O océano que nos une" trasladarase a outros puntos da Costa da Morte para poñer en valor o patrimonio mariñeiro dos seus espazos, como é o caso do prolífico traballo do eremita alemán Manfred Gnädinger, máis coñecido como "Man", os arquivos históricos dos pescadores da Confraría de Caión, a homenaxe á olería que se fai desde o Ecomuseo Forno do Forte ou o patrimonio marítimo de toda Galicia presente no Museo da Pesca de Fisterra.
O seu seguinte destino é Caión, onde permanecerá no Arquivo da Pesca do 29 de agosto ao 8 de setembro. A lonxa turística de Fisterra é o espazo elixido para acoller os dez paneis nesta localidade, do 12 ao 22 de setembro.
Tras unha breve estancia no Centro de Interpretación de Caldoval de Mugardos, "O océano que nos une" volverá a este territorio para visitar o Museo Man de Camelle, do 10 ao 20 de outubro. A exhibición rematará o seu camiño no Centro Cívico de Malpica, do 24 de outubro ao 3 de novembro.
A Rede de Espazos Museísticos Atlánticos é un dos eixos vertebradores de Morada Atlántica, un proxecto colaborativo impulsado polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia, que inclúe entre os seus socios oito GALP de Portugal, tres de Andalucía e un procedente das Illas Canarias.
O proxecto Morada Atlántica foi aprobado pola Consellería do Mar e está financiado a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).