Este ano o programa “Outono Gastronómico en Turismo Rural" impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo tivo unha acollida na provincia de Lugo, onde se chegou ata os 20 establecementos participantes, todos eles presetando dous menús diferentes elaborados cos mellores produtos da tempada.
A nova edición do programa desenvolverase entre o 13 de setembro e o 15 de decembro, e ademais do aumento de participantes trae como novidade a posta en marcha dunha oferta “Outono Plus” que é a máis completa, e ademais da posibilidade de degustar da mellor gastronomía e aloxamento, ofrece actividades complementarias tales como paseos a cabalo ou por espazos de interese cultural e ambiental, rutas de sendeirismo, visitas a adegas con catas de viño, ou gozar dunha actividade de escape room.
As casas de turismo rural de Galicia adheridas á promoción ofrecen distintas posibilidades, con prezos que van desde os 30 e ata os 300 euros, en función do número de persoas participantes, das actividades contratadas e da modalidade escollida.
Cada unha das casas rurais ofrecerá dous menús distintos, exclusivamente concibidos para esta ocasión. Ademais do “Menú Outono Gastronómico” —que inclúe a oferta gastronómica sen aloxamento— tamén ofrece a posibilidade de adquirir o “Paquete Outono Gastronómico” —que permite degustar o Menú Outono Gastronómico e durmir na casa de turismo rural elixida—, ou gozar da oferta completa coa “Fin de Semana Outono Gastronómico”. Se a opción escollida é compartir coa familia a fin de semana, ponse en marcha a oferta “Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico” (1 ou 2 nenos).
As ofertas descritas son válidas para os venres, sábados e domingos, agás as fins de semana das pontes (11 ao 13 de outubro, do 1 ao 3 de novembro e do 6 ao 8 de decembro).