O festival Agrocuir da Ulloa contará este sábado cunha xincana ecolóxica do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). O xogo consta de dez probas que permitirán aos participantes achegarse aos conceptos fundamentais da agricultura ecolóxica. Dirixida a públicos de todas as idades e de carácter gratuíto, a recompensa será unha deliciosa ecomerenda preparada polo chef monfortino Martín Mantilla.
A xincana arrancará ás 16.30 horas no souto do Caracacho (Monterroso, Lugo). A dinámica é moi sinxela. Unha vez inscritos, os grupos -de ata cinco integrantes- estarán en disposición de resolver diferentes incógnitas que sempre terán como pano de fondo a agricultura ecolóxica. Como recoñecer un produto certificado, cales son as vantaxes dos alimentos de tempada ou como se cría un animal en ecolóxico son algunhas das cuestións que haberá que debullar durante o percorrido. Ao longo das dez probas e nun período de arredor de media hora, os equipos terán que ser capaces de reunir as respostas do ecoencrucillado que lles proporcionará a solución global da xincana.
Para repoñer forzas despois de descifrar o quebracabezas, todos os que se anoten na actividade poderán degustar de xeito totalmente gratuíto unha ecomerenda na food truck que o Craega instalará no souto do Caracacho. De preparar os petiscos ocuparase o chef monfortino Martín Mantilla, a piques de inaugurar o restaurante Berso, no concello lucense de Sober, e colaborador habitual desta entidade.
Con este xogo, o Consello quere difundir os conceptos relacionados coa agricultura ecolóxica dun xeito lúdico, participativo e divertido. A xincana está concebida como un modelo integral que, ademais de promover aspectos teóricos vencellados ao sector, inclúe unha degustación de produto certificado.
FESTIVAL AGROCUIR. O festival que naceu hai seis anos en Monterroso é a primeira parada da ecoxincana do Craega. A celebrar entre o venres 30 o sábado 31 de agosto, o Agrocuir xorde no eido rural para defender a diversidade sexual e afectiva. De carácter interxeracional, reivindica valores como o ecoloxismo e o feminismo.
O programa inclúe proxeccións documentais, concertos, performance, obradoiros, contacontos e ata un partido de fútbol feminino. No apartado musical destacan as actuacións de Boyanka Kostova, Laura LaMontagne & Pico Amperio e Omiri.