A concelleira de Cultura e Turismo do Concello de Lugo e vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, inauguraron simbolicamente no Mesón Colón a décimo quinta edición do Concurso de Tapas de Lugo, que arrincará de maneira oficial este venres.
Un ano máis, o certame está organizando pola Apehl, co patrocinio do Concello de Lugo e coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e de Estrella Galicia.
Durante o acto, o cociñeiro do Mesón Colón, Santiago Almuíña, explicou a tapa que presentará este ano aos seus comensais, O argalleiro e o mar. Inspirado nas súas raíces e en homenaxe a un irmán mariñeiro que perdeu cando pescaba precisamente peixe espada, elaborou este petisco que segundo el mesmo di “mestura varios sabores da horta e do mar. Con esta presentación en directo para cada comensal pretendemos que a xente coñeza o traballo que hai detrás de cada tapa e se valore o esforzo que implica”.
Ao remate, Almuíña recoñeceu que o Concurso de Tapas de Lugo “é un evento para todo tipo de propostas, dende as máis atrevidas ata as máis tradicionais. Calquera delas pode gustar ao público, dunha maneira ou doutra o que hai é que cumprir un bo papel”.
Como vén sendo habitual, os prezos das tapas estarán entre 1 e 3 euros e poderanse degustar, como mínimo, de 13:00 a 15:30 h e de 20:00 a 22:30 h. Todos os locais terán a disposición dos clientes os folletos-pasaporte, que os consumidores deberán selar para poder participar nos sorteos desta edición.
Aqueles que conten con selos de, canto menos, 23 establecementos optarán a unha viaxe dunha fin de
semana para dúas persoas e os que consigan os selos dos 47 establecementos entrarán no concurso para gañar unha viaxe dunha semana para dúas persoas.
O establecemento máis votado a través dos cupóns de votación do público será o galardoado co premio de gañador do concurso. Por outra banda, un xurado profesional encargarase de escoller durante os días da final, 27, 28 e 29 de setembro, nos que o público xeral poderá degustar as mellores tapas, pero non votar, cinco títulos máis: primeiro premio, segundo premio, terceiro premio, mellor maridaxe Estrella Galicia e mellor maridaxe Ribeira Sacra.
Ademais, en relación co primeiro premio outorgado polo xurado profesional, Real engadiu que o gañador deste galardón será o que represente á cidade nos concursos galego e nacional de tapas, os cales, segundo adiantaron dende a Apehl, “están a piques de saír adiante”.