Para comezar co congreso deuse lectura ao manifesto "A España Baleirada", redactado pola Rede de Periodistas Rurais de España, que aposta por "unha revolta pacífica na defensa do rural e contra o cambio climático", reivindica a Galicia rural e a España rural como algo imprescindible para "o equilibrio territorial, social, económico e para a defensa do medio ambiente".
O documento apunta ao FICRURAL como punto de inflexión, de concienciación do cambio de políticas para frear "a hemorraxia do rural", que en Galicia tamén está xa afectando ás cidades. "Pedimos facilidades para a creación de empresas, que poidan xerar emprego e riqueza. A rexeneración é posible. Que ninguén pense que este repenique de campás reivindicativo vai quedar aquí. Abonda xa de estereotipos e prexuízos arredor do rural. Chegou o tempo dos acordos, dos consensos e do apoio para os proxectos emprendedores, innovadores e creativos", di o manifesto.
Despois do manifesto houbo un repenique de campás na igrexa da Gracia, para darlle a benvida ao FICRURAL. Na inauguración tamén participou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que sinalou que "debemos facer unha reflexión: que rural temos e que rural queremos". A maior preocupación, dixo, é asegurar o futuro das novas xeracións: "temos que xerar actividade económica produtiva viable para que os máis novos non teñan que marchar de Santiago nin de Galicia". Segundo apuntou, o FICRURAL formula esa posibilidade: "ser quen de por en valor o que temos". "Temos que ser capaces –continuou- de converter determinadas producións tradicionais do rural en produtos de calidade, cun valor específico, como fan noutros lugares".