O Consello Director da asociación Compostela Rupestre reuniuse para tomar decisións sobre a súa folla de ruta, que pasará por seguir perseguindo o obxectivo de "diversificar a oferta turística por medio do importante tesouro patrimonial rupestre deste territorio e achegar á veciñanza este legado de especial interese".
Así se expresou o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que estivo acompañado na reunión de representantes dos concellos de Ames, Brión, Santiago, Teo, e Val do Dubra. Na reunión, celebrada no concello de Santiago de Compostela, incorporáronse ao proxecto representantes dos novos gobernos municipais e asumiu a presidencia rotatoria o tenente alcalde de Ames, David Santomil.
Na xuntanza presentouse a páxina web de Compostela Rupestre, que suporá unha das principais ferramentas de difusión do parque e ofrecerá información e imaxes sobre o conxunto arqueolóxico, descrición dos petroglifos máis importantes e rutas para coñecer o patrimonio rupestre do territorio. A páxina, que estará operativa proximamente, inclúe máis de duascentas fotos e información histórica e práctica do conxunto patrimonial dos cinco concellos.
Ademais, o arqueólogo Mario César Vila deu conta do proxecto de revisión documental, catalogación e selección para a posta en valor e adquisición de terreos dos petroglifos e xacementos rupestres catalogados nos cinco concellos como paso previo á eleboración do plan director. O proxecto contempla distintas fases de traballo que van desde a propia redacción inicial até a memoria final pasando por traballos documentais e de xestión da información ou execución de traballos de campo (prospección, toma de datos, rexistro fotográfico, avaliación de danos e topografía) .