A XVII Gala do Turismo e a Gastronomía que celebramos este mércores foi todo un éxito, grazas á implicación do sector que representa o noso acrónimo de cabeceira, aos integrantes do sector do turismo e a gastronomía entendidos no senso máis amplo que acudiron en masa á convocatoria da revista HGg&T.
Non queremos deixar de expresar o noso sincero agradecemento aos centos de persoas que se achegaron ata a nosa Gala, reafirmando o seu carácter de punto de encontro intersectorial. Ficamos especialmente agradecidos ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que pese a non poder pechar a entrega de premios como tiña previsto debido á celebración do debate sobre o estado da autonomía si acudiu a compartir o cóctel posterior con todos os presentes.
Tamén agradecemos a presenza de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, de Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación de Coruña e o seu equipo, do concelleiro Ángel Rivas do concello de Vigo, da deputada provincial de Lugo Pilar García Porto, da directora xeral de Comercio e Consumo Sol Vázquez ... E de todos os hostaleiros, productores alimentarios, distribuidores, operadores turísticos, dos cociñeiros de Cociña Ourense, Coruña Cociña e Amigos da Cociña Galega, de adegueiros que fixeron un esforzo en tempo de vendimia para non faltar á nosa Gala...
Grazas a todos por arroupar aos nosos premiados e tamén ao noso director-fundador, Guillermo Campos, que recibiu un recoñecemento extraordinario polos 25 anos da súa revista e pola súa traxectoria. Sería inabarcable citar aquí a todos os amigos que acudiron, queden pendentes do noso número de Novembro-Decembro, no que publicaremos todas as fotos do evento.
Pero si nos gustaría dar un agradecemento especial aos patrocinadores que nos axudaron a poñer en marcha esta Gala. Á consellería de Cultura e Turismo, á Deputación da Coruña e ao Gran Hotel Los Abetos. A Estrella Galicia, Terras Gauda, Ron Abuelo, Coca-Cola, Marqués de Cáceres e Alicornio, que se encargaron das bebidas. A Casa Zolle e aos consellos reguladores de Tetilla, San Simón, Cebreiro e Arzúa-Ulloa que se ocuparon dos queixos, a Torre de Núñez que aportou xamon, lacón e chourizo. Tamén á Anfaco polas súas conservas, aos patés de A Perla Illas Cíes, ás mariñeiras de Daveiga, aos pans da IXP Pan de Cea e ás tartas da IXP Tarta de Santiago.