O camiño no Alentejo, "Un segredo ben gardado"

Este mércores lanzáronse oficialmente as rutas do Camiño de Santiago no Alentejo e Ribatejo, un proxecto desenvolvido dende estas rexións en colaboración coa Xunta para sinalizar e fomentar estes dous grandes camiños, maioritariamente rurais, que en total suman máis de 900 quilómetros xa sinalizados.

Baixo o lema "Un segredo ben gardado" promocionaranse dous trazados diferentes: o Caminho Nascente e o Caminho Central. Trátase de itinerarios moi diferentes en costumes e tradicións, nos que os peregrinos se atopan con paisaxes e experiencias complementarias, atravesando 30 municipios do país veciño.

Na presentación participou a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, referíndose á cita como “un día histórico para Galicia e Portugal”, aproveitando para reivindicar a estreita colaboración entre as dúas rexións e salientar o papel vertebrador da Ruta Xacobea. Neste sentido, precisou que na actualidade lévanse a cabo “moitas accións conxuntas entre Galicia e Portugal” e que moitas destas iniciativas están dirixidas precisamente a potenciar os itinerarios que transcorren polo país veciño e cuxo principal obxectivo é preservar o legado xacobeo en Portugal.

Cecilia Pereira incidiu en que a celebración do Xacobeo 21 “é un gran reto para todas as localidades polas que pasa o Camiño e Portugal está chamado a ter un papel protagonista, porque temos claro que o vindeiro Ano Santo non é algo exclusivo dunha única comunidade autónoma, nin dunha soa administración nin dun único país”.

Cómpre destacar que o Camiño Portugués é un dos máis frecuentados polos peregrinos. Tanto é así que o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa supoñen o 25% do total de peregrinos cos que conta a Ruta Xacobea.