O Concurso de Tapas de Lugo entra na recta final


O pé da emblemática torre da Mosqueira da muralla lucense será o punto de encontro entre os profesionais encargados de valorar as 12 tapas finalistas e Maite Ferreiro, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, previsto para mañá venres 27 de setembro ás 19:30 h. O acto será o pistoletazo de saída da final desta edición.

O xurado deste ano estará dirixido, como vén sendo habitual nas últimas edicións, por Quique Rodríguez, sous chef do Hotel Vila Magna de Madrid, ademais de membro da xunta directiva da Asociación de Cocineros y Reposteros de Madrid e editor de contidos para medios de comunicación e colaborador da revista Hola. Na actualidade exerce como director técnico do xurado en distintos concursos de tapas como o Cume Tapas de Monforte e o Concurso de Tapas de Lugo. 

Acompañarano no seu labor Sergio Fernández, empresario madrileño cunha longa e extensa traxectoria e un dos cociñeiros máis recoñecidos de España polo seu paso como presentador por diversos programas televisivos de cociña (Canal Cocina, Canal Sur, Telemadrid ou Cuatro). 

Ademais, é profesor de cociña na Escola Superior de Hostalería e Turismo de Madrid; José Luis Oliveira Pereira (Pepe Oliveira), creador do blog en galego “As pequenas viaxes e algo de gastronomía” e do blog en castelán “Bo proveito”, xemelgo do anterior. Apaixonado da gastronomía e da cociña, participou en distintos showcooking e foi xurado profesional de distintos concursos de tapas e colabora actualmente en Comer e Falar de SeRadio. Finalmente, Jesús Rodríguez Carreiras é membro do panel de cata do Consello Regulador do DO Ribeira Sacra e profesor de FP en Servizos de Restauración.

Tras a xuntanza, o equipo de expertos gastronómicos comezará a rolda de visitas polos locais finalistas, que se prolongará toda a fin de semana co obxectivo de asignar os cinco premios que lle corresponde outorgar a este xurado: un primeiro, un segundo e un terceiro posto e dous galardóns máis á mellor maridaxe con Estrella Galicia e á mellor maridaxe con viño DO Ribeira Sacra.
Os gañadores do certame daranse a coñecer o vindeiro mércores 9 de outubro ás 12:00 h nun acto que se celebrará no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).