Ourense volve a converterse na capital do cine en Galicia

Esta fin de semana dará comezo en Ourense a 24ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), un festival consolidado que este ano como novidades incorpora videoclips a competición e ficción televisiva dentro da sección OUFF Transmedia (coas estreas de Pasaporte Galego adicado a Luis Tosar e que foi gravado en parte no OUFF 2018 durante a entrega do Premio Ourense ao actor; e Desaparecidos, a nova serie de Juan Echanove).

O OUFF trae un programa completo, aínda sen pechar, no que ten cabida unha potente área formativa no que destaca o diálogo entre o director Oliver Laxe e a produtora Emma Lustres, de Vaca Films, que terá lugar o vindeiro 29 de setembro, e referencias a grandes cineastas vinculados á provincia como Chano Piñeiro, autores como Eduardo Blanco Amor e emprendores como Eduardo Barreiros. Como novidade este ano, concédese o premio Barreiros á ópera prima "Viaje al cuarto de una madre".

Un total de 15 películas de 15 nacionalidades compoñen a Sección Oficial do 24 OUFF. Estes filmes foron seleccionados de entre as máis dos 500 presentados. Longametraxes premiadas en festivais tan prestixiosos como Cannes, Sundance, Bafici, DocsBarcelona e South by Southwest aparecen na carteleira desta edición, con directores da talla de Alejandro Landes, Gael García Bernal, Oliver Laxe ou Bong Joon-Ho e intérpretes tan recoñecidos como Ricardo Darín, Antonio de la Torre, Belén Cuesta, Maribel Verdú, Paz Vega, Ana Fernández, Eduard Fernández, Valeria Golino ou Carlos Iglesias.

Na presentación do evento participou o presidente da deputación de Ourense, Manuel Baltar, que reivindicou un "festival que pon en valor a Ourense, o que nos é próximo, e as liñas argumentais do festival de cinema de Galicia". O presidente do goberno provincial dixo que o OUFF pon en valor a cartelería do festival como representación artística a través de Alexandro -quen firma o cartel do ciclo Cine e Auga-, e resaltou a vinculación da auga e do termalismo e o seu protagonismo na provincia coa arte do cine. Ademais, salientou a importancia de que o certame destaque as rutas turísticas polos escenarios de cine da provincia de Ourense, así como os vencellos coa hostalería e empresas locais "para vivir o festival dende una perspectiva integramente ourensá". "Son os pilares –dixo Baltar- de acción do OUFF".

Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do OUFF, salientou o modelo de festival do OUFF: "Un festival para a provincia, para a cidade e para o país", no que destacou un programa complexo e variado "que implique á sociedade ourensá cunha oferta para todos e para todas".

O OUFF é un festival de referencia que encara a súa 24 edición coa vista posta xa no seu cuarto de século. Así o destacou Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais, que sinalou "para nós é o que debe de ser o festival de referencia de Galicia polo seu substrato, a súa historia e pola rede que se foi creando ao seu redor". Un festival referencial dende unha dobre perspectiva: a cultural, pola súa extensa programación, e a turística porque "é un festival que ten esa parte de atracción turística" pola dinamización socieconómica da cidade e a provincia ademais da inclusión dos roteiros de cinema polos escenarios de cine da provincia (unha das novidades incorporadas ao programa desta edición).

Neste carácter singular do OUFF 2019 tamén coincidiu Mateo Alonso, representante institucional de Abanca: "É un evento que converte Ourense en cidade de cine", salientando "o papel dinamizador", do festival.IAL