O Concello de Ribadavia celebrará entre o 7 o 9 de setembro as súas Festas do Portal, un evento que segundo o seu alcalde César Fernández pretende "poñer en valor o traballo que realizan os colectivos e asociacións do municipio, recuperar o concepto de verbena tradicional e facer un programa variado con actividades que nos permitan chegar a tódolos públicos e que se desenvolvan en diferentes puntos da nosa vila para que toda a veciñanza de Ribadavia se sinta partícipe da festa".
Neste sentido, salientou que o seu municipio "destaca por ter un tecido asociativo moi activo e é o que finalmente posibilita que teñamos tanta actividade ao longo do ano e, desde a o Concello de Ribadavia, o noso labor é colaborar de xeito decidido e directo con todos eles para continuar a dinamizar a vida cultural da nosa vila e converter a Ribadavia en capital e referente cultural da nosa provincia".
A programación das Festas do Portal inclúe actividades infantís, charangas, grupos de gaita, orquestras, actividades deportivas con torneos de fútbol sala feminino, balonmán, fútbol de veteranos, entre outras moitas iniciativas. "A ofrenda floral que confeccionan tódolos anos as Mulleres Rurais, pola que pasa a procesión do día 8 de setembro, estará dedicada ao Concello de Melón, como municipio oferente este ano", explicou o alcalde de Ribadavia.
Ademáis, a programación deste ano tamén inclúe a 13ª edición do Festival Arteficial, que ofrecerá nas rúas e prazas do conxunto histórico de Ribadavia, máis de doce horas de música en vivo ao longo dunha única xornada, o 7 de setembro. Os barrios da Madalena e da Oliveira acollerán os escenarios de Alhambra, Thunder Bitch, Socias e socios Arteficial e Reboreda.
Nesta edición actuarán as bandas galegas Chicarrón, Lois, Dreyma, Meneo, Deva e Isaac Pedrouzo, ademais dos barceloneses Za! E os conxuntos madrileños Ambre e Trajano. O Festival tamén achegará bandas internacionais da escena alternativa como La Rueda, que mestura os ritmos ancestrais de Guinea e Colombia con beats electrónicos.