A Deputación de Pontevedra está a participar ata o domingo 20 de outubro na Reunión Internacional para a Conservación de Camelias Antigas e Históricas, un encontro que ten lugar na localidade chinesa de Conghua, na rexión de Guangzhou/Cantón.O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica Areeiro únese ás delegacións dun total de 25 países de orixe da camelia, entre os que se atopan a China, o Xapón e Vietnam, os Estados Unidos, Australia e un total de 23 nacións da Europa occidental.
O obxectivo que persegue a Deputación asistindo a este encontro non é outro que a inclusión de varios dos exemplares históricos de camelia da provincia de Pontevedra na lista internacional que se vai comezar a elaborar na propia Reunión Internacional para a Conservación de Camelias Antigas e Históricas. Ao non ser un país de orixe da camelia, Galicia non pode optar a obter representación na lista de camelias silvestres antigas, pero si na de exemplares históricos a preservar. Das 10 variedades de camelia en Galicia cuxas candidaturas se presentan no encontro, oito están en xardíns localizados na provincia de Pontevedra. Neste encontro fixaranse os criterios que deben cumprir as árbores camelias para poder ser incluídos neste documento.
Durante a Reunión Internacional para a Conservación de Camelias Antigas e Históricas, asinarase a "Declaración Apoliu" –nome polo que se coñece o Protocolo para a Conservación de Camelias Antigas e Históricas– pola que se urxe á comunidade internacional a conservar e preservar os seus magníficos exemplares históricos de camelias, tanto silvestres como cultivadas, ao consideralas un patrimonio único e singular, "símbolos de valor incalculable e insubstituíbles dos esforzos económicos, horticulturais e culturais que se levan dando desde hai milenios nas civilizacións humanas". O texto tamén engade que "as árbores da camelia son sentinelas viventes e internacionais dentro dos xardíns e outras paisaxes, e marcan o transcurso dos esforzos horticulturais e da historia da xardinería ao longo dos séculos".