O día 13 de xuño de 1471 tivo lugar ao pé das Torres de Altamira unha gran batalla que agora os concellos de Ames e Brión, xunto coa Deputación da Coruña -propietaria do monumento- queren conmemorar con especial atención de camiño ao ano 2021 cando se conmemoren os 550 anos de historia.
"A nosa proposta é encaixar a conmemoración e os actos que se desenvolvan arredor dese acontecemento histórico no proxecto integral para a mellora, acondicionamento, novos usos e posta en valor das Torres de Altamira que forman parte do patrimonio da Deputación da Coruña", explica o deputado de Contratación, Xosé Lois Penas.
Actualmente o persoal técnico da deputación está analizando as posibilidades de actuación para a mellora do ben patrimonial, do contorno, da súa posta en valor e tamén do acondicionamento para posíbeis novos usos, entre as que se inseriría a conmemoración do aniversario da batalla.
As Torres de Altamira están consideradas Ben de Interese Cultural e situadas nun espazo privilexiado que as converte en magnífico miradoiro sobre o Val da Mahía. Construído no século IX sobre o que foi un castro celta, as Torres de Altamira foron derrubadas no século XIV e construídas de novo en 1471. A edificación chegou a contar con seis torres e unha muralla rodeando un suntuoso pazo, ao que se incorporou no fin do século XVI por encargo do V Conde de Altamira á capela dos Reis Magos, onde eran soterrados en panteóns os nobres propietarios. A partir do século XVII, os condes deixaron de habitar o castelo.
Posibelmente un incendio no século XVIII contribuiría ao deterioro do ben que a finais do século XIX foi utilizado como "canteira" para a construción. Na actualidade consérvase só unha moi derrubada estrutura consistente nunha gran torre con bóveda de canón; a parede dun corredor no que se conserva unha portada gótica cunha fiestra oxival, o pozo do castelo, así como a base da fortificación dunha cantería propia do século XV. A casa de Altamira vendeu as torres en 1872 e boa parte das pedras e distintos elementos arquitectónicos que a compuñan foron dar a distintas casas e construcións veciñas, como a propia capela de Santa Minia, destruíndose tamén a propia torre da homenaxe.
A Deputación da Coruña mercou a propiedade en 1973 iniciando obras de limpeza e consolidación dos restos da fortaleza da que hoxe só fican en pé restos da muralla e da base dunha das torres ademais dalgunhas ventás con arcos da reconstrución de 1471.