Hoxe comeza no Grove unha das grandes citas gastronómicas do outono, ata o vindeiro día 13 celébrase a LVI Festa do Marisco, festividade de interese turístico internacional cun poder de atracción irrefutable. Son milleiros de persoas as que acoden á cita meca. Hoteis cheos, un agosto en outubro, bendición para a hostalería, que no Grove abunda, cunha das mellores plantas hoteleiras da provincia e un amplísimo abano de restaurantes para todos os gustos e petos.
E qué podemos degustar na Festa do Marisco, sexa nos restaurantes, que é o máis recomendable, ou nas carpas do feiral? Pois de case todo menos centola, que aínda que no Grove é pouco menos que obrigado, nestas datas está en veda.O produto estrela vai ser, segundo o alcalde, o cangrexo real, logo do éxito acadado o ano pasado, e non han faltar as nécoras, navallas, ameixas, camaróns, ostras, polbo e mexillóns que son outro dos produtos estrela nesta localidade turística e mariñeira da ría de Arousa.
Como alternativas ás carpas podemos citar a D´Berto, un dos mellores restaurantes galegos de produto. Aquí, en materia de peixe e marisco, o tamaño si importa. Oferta inmellorable tamén nos dous locais do restaurante A Solaina, situados no centro da localidade e na mesma fachada marítima ou no Pan de Millo de Lorena Moldes, que cambiou de ubicación para un espectacular local con inmellorables vistas.
Pero non todo será comer, a LVI Festa do Marisco ofrece un completo programa de actividades paralelo, destacando concertos como os de Novedades Carmiña, Iván Ferreiro ou Holywater.
E despois de todo, tocará durmir. Na zona recomendamos aloxamentos como o Puente de La Toja, totalmente reformado; o Louxo, na Illa da Toxa, un catro estrelas de calidade superior, con vistas impresionantes; o Bosque Mar, nas aforas, en Reboreda, en plena natureza, unha especie de mini resort altamente recomendable ou no centro grovense o Villa Juanita con dous establecementos, e o máis modesto Angelito. Hai moitos máis pero nós recomendamos aos nosos, polo que tamén citamos ao Camping Moreiras, a carón do Aquario, e preto do Museo da Salga.