O ano pasado as Montañas do Courel convertéronse no primeiro Xeoparque recoñecido pola UNESCO en Galicia e no conxunto do noroeste español, converténdose nun destino turístico de primeiro nivel que dende a Deputación provincial pretenden potenciar.
Por iso acaban de firmar dous convenios coa Asociación para a Promoción Territorial Montañas do Courel, dotados cun total de 50.000 euros para diversas actuacións de investigación, posta en valor e promoción do territorio. Entre elas inclúense accións para a datación dos glaciares, a edición dunha publicación científica e a creación dun mapa cartográfico, un sistema de información xeográfica e imaxe 3D das formacións xeolóxicas desta montañas.
Esta colaboración tamén abrangue o financiamento de diversas accións de promoción e divulgación,como xornadas, o desenvolvemento da Semana dos Xeoparques e a asistencia a eventos, congresos e foros nacionais e internacionais para dar a coñecer o proxecto Xeoparque Montañas do Courel. Tamén se editará material promocional deste enclave da provincia de Lugo.
.