Nace unha nova app para descubrir a provincia de Lugo

A Deputación de Lugo acaba de poñer a funcionar unha nova aplicación para dispositivos móbiles que desvelará todos os segredos turísticos da provincia, ofrecendo información de preto de 2.500 puntos de interese dos 67 concellos lucenses, unha ferramenta coa que a institución busca atraer máis visitantes e mellorar a súa experiencia na provincia.

Esta App foi presentada na primeira sesión do Consello Provincial de Turismo que se celebra neste mandato, no que precisamente se reafirmou a idoneidade de apostar polas innovacións tecnolóxicas para mellorar a difusión e acceso á oferta turística. Así o explicou o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, que tamén preside o Consello de Turismo. “Poñemos en marcha esta aplicación coa intención de achegar unha información turística atractiva que aumente o número de visitantes e ademais, lles axude a mellorar a súa experiencia na provincia de Lugo”, explicou. Tomé tamén puxo o foco en que esta medida, como o resto de adoptadas na sesión, se realizan en base ao Plan Estratéxico de Turismo.

Na reunión participaron 24 membros deste organismo posto en marcha pola Deputación para impulsar o sector. Na súa intervención, a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, defendeu a idoneidade desta App, pois “hoxe en día máis da metade dos viaxeiros utilizan as aplicacións móbiles para preparar as súas vacacións, e cremos que a dende as administracións temos que apostar por esta nova maneira de entender o turismo”, explicou.

García Porto expuxo o funcionamento desta ferramenta que lle amosa aos visitantes potenciais as singularidades que fan da provincia de Lugo un destino especial. “Recóllense preto de 2.500 puntos de interese que van dende elementos patrimoniais, paisaxes ata plans para aproveitar dunha forma máis eficiente a visita, por iso a aplicación estará nunha renovación permanente en colaboración cos concellos, para achegar a información da maneira máis actualizada posible”.

A App funciona a través da plataforma INVENTRIP, onde os usuarios poderán escoller un itinerario por cada un dos 67 concellos, un xenérico por cada un dos xeodestinos e unha serie de viaxes temáticas. Os usuarios poderán descargala a través dos sistemas operativos en Android e IOS, ou ben, acceder aos contidos a través da seguinte páxina web: https://inventrip.com/deputaciondelugo/.

Ademais, nesta sesión aprobáronse as bases do novo premio Lugo Cambia, que incluirá dúas modalidades: unha propia de turismo e outra da gastronomía lucense. Con estes galardóns, que se convocarán o vindeiro ano, recoñecerase o traballo de persoas, entidades ou institucións a prol do fomento da promoción turística da provincia, así como actuacións innovadoras no mundo hostaleiro.