O conselleiro de Cultura e Turismo participou no Consejo Español de Turismo


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou en Madrid no pleno do Consejo Español de Turismo (Conestur), no que se abordaron como temas principais o Brexit e a quebra do touroperador británico Thomas Cook, unha situación para a que o Goberno central prevé un plan de choque dotado con 300 millóns especialmente destinados ás comunidades máis afectadas por esta circunstancia. 

Neste sentido, o conselleiro amouse favorable ao impulso de medidas para paliar os efectos do peche desta multinacional, que afecta aos mercados máis consolidados do turismo nacional. Pero, en todo caso, advertiu que non poden contribuír a xerar maior desigualdade con destinos turísticos como Galicia e o resto de comunidades integradas na España Verde, as autonomías da franxa atlántica que están a consolidar un modelo diferenciado. 

Román Rodríguez expuxo que esta situación pode supor unha oportunidade para modelos turísticos baseados na sustentabilidade e os recursos propios como o galego, e chamou a seguir aposta pola calidade como un elemento clave da nosa oferta. 

Tamén aproveitou para agradecer a convocatoria deste tipo de foros, que dan continuidade a recente constitución do grupo do Camiño de Santiago, no que se integran diversas comunidades, para canalizar unha colaboración efectiva en materia de promoción. Este órgano acordou diversas accións de marketing e difusión sobre o Camiño de Santiago na antesala do Xacobeo 21 para as que Galicia amosou o seu total compromiso. 

O Consejo Español de Turismo (Conestur) está integrado por representantes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e das comunidades autónomas, ademais de membros das corporacións locais, FEMP, CEOE, CEIM, UGT, CCOO, Cámaras de Comercio, asociacións do sector e operadores turísticos, entre outros.