O Miño reivindícase como produto turístico transfronteirizo

Esta semana A Guarda e Caminha celebrarán o I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Río Minho, unhas xornadas que nacen co obxectivo de poñer en valor e promocionar os atractivos do territorio transfronteirizo e fortalecer a súa oferta turística. 

O evento forma parte do proxecto europeo Visit Rio Minho e esta é a primeira gran actividade da marca Rio Minho desde a súa presentación o pasado mes de abril. A idea é viabilizar e modernizar a oferta turística do Miño transfronteirizo para poder atraer a un maior número de visitantes mediante a diversificación da oferta con produtos turísticos específicos do entorno.

Segundo explicou o director da AECT Rio Minho, Uxío Benítez, "ao promocionar o Rio Minho de forma conxunta estamos gañando valor e conseguimos ofrecer un producto moito máis atractivo, nun só destino temos dous países con todas as súas riquezas", 
O encontro comezará o 17 de outrubo no Centro Cultural de A Guarda, que acollerá o I Congreso Turístico do Rio Minho, dirixido a profesionais do sector do turismo, xa sexa do ámbito empresarial como da administración pública. Durante a sesión de mañá haberá tres mesas temáticas sobre: creación de marcas, marketing dixital aplicado ás empresas turísticas e institucións públicas e casos exitosos de turismo transfronteirizo. A sesión de tarde estará centrada na creación de alianzas ente o sector, e ás 17:00 horas as e os participantes dividiranse en varios grupos de traballo para recibir unha formación práctica sobre a creación de paquetes turísticos.

Por outra banda, a gastronomía será a protagonista do día 18 en Caminha coa 'I Xornada Gastronómica do Rio Minho'. O evento desenvolverase no Museo Municipal de Caminha e os seus exteriores, se a climatoloxía o permite. A cita comezará ás 11:30h (hora galega) cun debate sobre gastronomía e turismo no que participarán os dous prestixiosos chefs Alberto González Prelcic, do Grupo Nove, e o seu colega portugués, Álvaro Costa. A continuación terá lugar un Showcooking dirixido exclusivamente a profesionais do sector no que se elaborarán novidosas receitas a partir de produtos do territorio. Xa pola tarde, as actividades estarán dirixidas ao público xeral e haberá catas de viños e cervexas e microcharlas sobre diferentes temas relacionados coa gastronomía e a industria vitivinícola.