A 24ª edición do Ourense Film Festival pechouse cunha sensación de satisfacción xeralizada, que levou ao presidente da deputación provincial, Manuel Baltar, a falar da "edición máis potente e exitosa da súa dilatada traxectoria".
O presidente do goberno provincial agradeceu o traballo dos coordinadores e do seu equipo de traballo, integrado por 50 persoas, "por cumprir ao 100% o programa previsto, executando tódalas propostas incluídas nesta ambiciosa programación que fixo desta 24ª edición, a mellor de toda a historia do Festival de Cine, tal e como o avalan as cifras".
Esta edición contou con "92 proxeccións, 96 películas, incluídas as curtametraxes, sendo un Festival de Cine máis ourensán ca nunca, coa implicación de empresas de tódolos sectores, e o máis salientable: a implicación do público". Neste sentido, destacou o importante incremento que se experimentou na asistencia ás salas de proxección e actividades paralelas con respecto á pasada edición, con 14.349 asistentes fronte aos 8.316 do ano 2018. De todas elas, asistiron ás proxeccións 9.024 persoas (6.249 no 2018), sendo xeneralizado o esgotamento de entradas en practicamente tódalas proxeccións da sección oficial, pero tamén con moita participación no resto das seccións programadas.
Tras este éxito, xa toca comezar a preparar o 25 aniversario do festival, que se celebrará do do 25 de setembro ao 3 de outubro de 2020, e coincidindo co Centenario da Xeración Nós, apostarase por descentralizar datas e espazos e haberá sesións matinais. Ademais, potenciarase a internacionalidade do festival tendo a Francia e Marrocos como países convidados.