Pontevedra, máis para a consolidación de "cidade slow"


Estas son as declaracións do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, cando lle preguntamos polo seu modelo turístico de cara á presente lexisltatura no número 221 de HGg&T

Pontevedra aposta por un modelo de turismo alternativo ao convencional. Explícome, entendemos que dentro dunha estratexia turística haxa elementos “máis convencionais” que favorecen a chegada de visitantes á nosa cidade. E, sen dúbida, Pontevedra tenos.

Falo da climatoloxía suave, do noso patrimonio material, natural e inmaterial, a nosa gastronomía tradicional e as novas propostas de vangarda atlántica. Somos, tamén, a capital do Camiño Portugués a Santiago, unha ruta que crece ano tras ano. Estamos no corazón das Rías Baixas, preto das praias do Salnés e do Morrazo; temos unha ubicación privilexiada no eixo atlántico, a 20 minutos de Vigo e a menos de 50 de Compostela…

Decidimos buscar a nosa vantaxe competitiva, e abofé que o conseguimos. O efecto do chamado “modelo Pontevedra” só pretendía mellorar a calidade de vida da veciñanza, construír espazos públicos para todos independentemente da súa condición física ou social. E conseguimos non ter mortos por atropelo desde o 2011. Este traballo, logrou quitarlle o espazo aos vehículos e devolvérnolo a nós: os nenos e as nenas fan súa a cidade e xogan sen medo, reducimos o 66% de emisións de CO2…, podería relatar máis efectos positivos deste cambio.

A nosa experiencia non pasou inadvertida para ninguén. Primeiro chegaron os premios internacionais
(Dubai, Bruxelas, Nova Iorque, Hong Kong…) e despois as conferencias e os medios internacionais. Cando The Guardian di que a túa cidade é o paraíso, ou cando a televisión pública francesa ponche de exemplo mundial en prime time ocorre o milagre que o noso modelo, a nosa cidade atrae miles de visitantes, a coñecer a cidade slow.

Aproveitando isto creamos unha área de Promoción da cidade. Seguiremos traballando en dimensionar este influente vector na economía local, novo aspecto turístico que atrae a visitantes de todo o mundo: a cidade ideal.