No marco da consulta aos alcaldes das 7 principais cidades galegas, Abel Caballero contounos os seus plans turísticos para Vigo de cara á presente lexislatura.
Vigo é, nestes momentos, un referente turístico e o turismo é unha base fundamental da economía da cidade. Estamos moi satisfeitos co crecemento constante experimentado e, se a tendencia continúa, bateremos marcas este verán. Os últimos datos do INE indican que en xuño volvemos acadar os mellores resultados desde que hai rexistro, tanto en viaxeiros como en pernoctacións.
Para acadar estes resultados foi relevante o labor desenvolvido polo Concello, ao longo de todo o ano, en favor da desestacionalización turística. É o caso das luces de Nadal que serviron como reclamo para recibir visitantes chegados de diferentes partes de España. Logramos un impacto incomparable. As praias de Vigo, con dez bandeiras azuis; os grandes concertos da cidade, a oferta cultural e museística, os espazos naturais; a oferta de ocio familiar ou a gastronomía sitúan a Vigo como un destino atractivo.

Seguiremos fortalecendo a nosa presenza nos circuítos turísticos, favorecendo o turismo de congresos e feiras que vive un momento álxido na cidade, potenciaremos o aeroporto con novas rutas turísticas, celebracións como a Reconquista, que xa é Festa de Interese Turístico Nacional, ou O Marisquiño, festival de cultura urbana referencia en Europa.