O concello da Pobra do Caramiñal busca a colaboración da Deputación da Coruña para recuperar e rehabilitar a Casa da Cadea, un edificio do século XVIII onde se sitúa o antigo cárcere da vila, do que só se conservan na actualidade os muros de carga perimetrais e a fachada de cantería.
A idea é recuperar o inmoble, que forma parte do patrimonio histórico da vila, para usos culturais, entre eles o de biblioteca.
Con este obxectivo en mente, o alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, e a concelleira de Cultura da localidade, Patricia Lojo, mantiveron unha xuntanza co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.
Tamén aproveitaron para solicitar o apoio económico da Deputación para levar a cabo outro gran proxecto de recuperación patrimonial: a rehabilitación das naves dos Arcos, no Barrio dos Cataláns, testemuñas do pasado industrial da zona. O goberno pobrense traballa nun proxecto para a recuperación integral das antigas naves de salazón, algunhas nun estado de deterioro importante, co obxectivo de recuperalas para usos públicos.
González Formoso afirmou que se trata de dous proxectos ambiciosos, que requirirán dun investimento importante para a súa execución, e comprometeuse a estudar posibles vías de colaboración para materializalas. Mostrou tamén o seu interese en visitar persoalmente ambos os dous enclaves nunha próxima visita institucional ao Concello da Pobra.