A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), e os cinco consellos reguladores (entre os dos queixos e o do mel) son os organismos encargados de convocar un novo certame das Catas Oficiais dos Queixos e Meles de Galicia, co fin de premiar o saber facer e a dedicación dos profesionais galegos destes dous sectores produtivos e deixar patente a excelente calidade dos queixos e meles autóctonos.
Así, as catas darán comezo mañá, mércores, no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela, sito en Lamas de Abade. Ese día arrancará a XVIII Cata dos Meles de Galicia, mentres que os días 28 e 29 destinaranse á XXII Cata dos Queixos de Galicia. Un labor que levará a cabo un panel de sete expertos, no caso dos meles, e doce no dos queixos, encargados de analizar totalmente a cegas e de forma minuciosa as mostras, para pasar a seleccionar as marcas gañadoras. Todos eles son profesionais experimentados vencellados ao ámbito da gastronomía, hostalería, comunicación e ao sector agroalimentario.
Nesta edición das catas rexistráronse un total de 36 industrias queixeiras pertencentes ás catro denominacións de orixe galegas —DOP Queixo Tetilla, DOP Arzúa-Ulloa, DOP San Simón da Costa e DOP Cebreiro— e 20 industrias do mel acollidas á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Os técnicos da Agacal, en colaboración cos consellos reguladores, recolleron a semana pasada un total de 93 mostras participantes, avalando en todo momento o anonimato das marcas participantes.