Un xurado presidido por Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia, decidiu outorgar os Premios Galicia de Turismo 2019 a: o proxecto de restauración do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela na categoría Patrimonio; a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco en 2021 na categoría Promoción; a axencia especializada no Camiño de Santiago Pilgrim Travel na categoría Vangarda; o Resurrection Fest na categoría Evento; e a asociación Camiño dos Faros na categoría Sostibilidade.
O veredicto correspondeu a un xurado composto por: Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia; José Luis Maestro, director de Competitividade de Turismo de Galicia; Alfonso Martínez, representante do Consorcio Turístico de Empresarios de Sanxenxo; Jesús Picallo, presidente de Solpor, Asociación de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía; Sara Santos, presidenta da Asociación Hostelería de Compostela; Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño Rías Baixas; Francisco González, representante no Clúster pola Asociación de Empresarios de Hospedaje de Pontevedra (ASEHOSPO); José Antonio Fraiz, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo; Tomás Abeigón, director de Negocio Turístico de Banco Sabadell; e Rodrigo Burgos, director de MEGA: Mundo Estrella Galicia.
“As máis de 160 candidaturas recibidas demostran o altísimo nivel das iniciativas que se están a poñer en marcha en prol do desenvolvemento e promoción da nosa rexión e a consolidación de Galicia como un destino turístico acolledor, innovador, de calidade e respectuoso có medio ambiente”, subliñou Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia, quen quixo, ademais, transmitir no nome de todo o xurado e o comité organizador dos premios os parabéns, no só aos premiados se non tamén a tódolos candidatos que optaban a un destes galardóns. “Non foi doado para o xurado deixar fóra algunhas propostas. Estivo moi rifado”, engadiu.
Estes galardóns, uns Ara Solis obra do artesán José María Mayer Segade e realizados coa colaboración de “Artesanía de Galicia”, entregaranse o vindeiro 3 de decembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña xunto cós correspondentes aos premios Escenario (Ribadavia), Embaixadora Nacional (Luz Casal), Embaixador Internacional (Hong-jo Chun, embaixador da República de Corea en España) e Pionerio (Moncho e Paco Vilas).
Os Premios Galicia de Turismo son o máximo recoñecemento que outorga a industria turística a persoas, institucións e entidades polo seu traballo a prol da consolidación de Galicia como destino turístico acolledor, contemporáneo, innovador, de calidade e respectuoso co medio ambiente natural. Nacen en 2019 con vocación de continuidade e para ser concedidos cunha periodicidade anual polo Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia nun esquema de colaboración público – privado integrado na planificación estratéxica do desenvolvemento turístico da Comunidade.