O concello de Malpica, en colaboración coa Deputación da Coruña, busca novas vías para promocionar a olería de Buño, un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do concello e tamén económicos.
A creación dun banco de imaxes da olaría tradicional, a ampliación do programa de promoción ao longo de todo o ano ou a ampliación das instalacións do forno do Forte foron algúns dos temas que centraron a xuntanza entre o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e Leticia Varela e Daniel García, do goberno municipal de Malpica.
De maneira especial, na xuntanza púxose sobre a mesa a posibilidade de ampliación do convenio que xira arredor das actividades do Forno do Forte e incluír a creación dun banco de imaxes para recompilar a importante documentación gráfica existente sobre a tradición oleira do concello.
Ademais, contemplouse tamén a posibilidade de incluír a Festa da Carroa, a cocedura tradicional que fan os oleiros de Buño, no convenio de colaboración entre as dúas institucións para a dinamización das instalacións que son propiedade da Deputación da Coruña e xestiona o Concello de Malpica de Bergantiños. Xunto estas propostas, entre as dúas institucións traballarán conxuntamente para que o convenio contemple actividades de difusión da olaría ao longo de todo o ano, ademais do evento principal que se desenvolve nos catro días da Mostra da Olaría.
Para a mellor xestión das visitas ao Forno do Forte, propiedade da Deputación da Coruña, o Concello propuxo a adquisición do terreo lindeiro para o estacionamento de vehículos, servizo do que é deficitario o museo.