O Museo de Pontevedra duplicará o seu espazo expositivo a través dun gran soto que conectará baixo terra os tres edificios históricos nas inmediacións da Praza da Leña. Trátase dun ambicioso proxecto deseñado polo arquitecto e asesor provincial Jesús Fole, inspirado na solución adoptada polo Louvre en París para comunicar e ampliar a súa superficie expositiva, baleirando o espazo interior aos pazos laterais e reorganizando circulacións de público.
Segundo dixo, en calquera caso, a actuación en Pontevedra –deixando a un lado a súa magnitude en superficie- "é un reto máis complexo" que o do Louvre polos cambios de rasante que existen entre os edificios. Subliñou que se duplica a superficie real de Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López, pasando dos 1.945 metros cadrados actuais a 3.845 metros coa construción do novo soto a dous niveis. Este distribúese baixo a planta dos tres edificios e baixo os 25 metros da zona de unión do Fernández López co Castro de Monteagudo, onde agora está a estatua de Castelao.
Unha vez rehabilitado o conxunto de edificios do Museo na contorna da Praza da Leña, o público entrará a través dun acceso único polos soportais inferiores do edificio Fernández López en nivel O, nunha zona de 250 metros cadrados. Logo poderá pasar ao soto no nivel -1, que será compartido entre os edificios Castro Monteagudo e Fernández López, e despois baixar ao soto nivel -2, compartido para edificios García Flórez e Castro Monteagudo. Estas plantas inferiores e as superiores estarán comunicadas, entre outras fórmulas, cun novo ascensor a construír na torre do edificio Castro Monteagudo, por onde se chegará a un novo miradoiro dende onde observar os campanarios de Santa María e San Bartolomé. "Esta rehabilitación é complexa pero factible: unha verdadeira obra de enxeñería avanzada. É un espectáculo", cualificou o arquitecto.
En canto aos prazos, a previsión é que as obras comecen en dous anos, estando abertos xa os contactos con Xunta de Galicia e Estado para que aporten parte do investimento da rehabilitacion, que ten un custe estimado de 2.500 euros por metro cadrado. "-O financiamento desta obra no Museo.