O informe desta Fundación constata que no último ano medrou arredor do 6% o valor das vendas do viño galego no mercado español, na canle da alimentación, o que implica unha revalorización do produto que chega aos fogares. Ademais, o viño con denominación de orixe sitúa a Galicia no terceiro posto por comunidades autónomas -só superada pola Rioxa e Castela e León- en termos de valor, con respecto á cota de mercado nacional.
Na canle de alimentación os viños galegos melloran a súa cota de mercado nacional ata un 5,4% en volume e ata o 6,6% en valor, grazas á súa mellora en participación nos hipermercados e supermercados. Na canle de hostalería tamén teñen un bo posicionamento, situándose no 8,5% en volume e no 10% en valor. A maiores, o produto galego gaña presenza en territorios importantes, como Madrid, Barcelona e a área Mediterránea.
Para consolidar esta proxección internacional, José González adiantou que a Xunta convocará no Diario Oficial de Galicia a vindeira semana as subvencións por valor de 2,1 millóns de euros para apoiar nos próximos dous anos a promoción do produto en mercados de terceiros países, fóra da Unión Europea.