
Así pois, o director da Agadic concretou que o novo estatuto “non implica en absoluto ningún cambio ou reforma das políticas ou programas da axencia”. Neste sentido, negou que a modificación do estatuto en relación ao Centro Dramático Galego supoña calquera tipo de perda de autonomía e explicou que xa se puxo en contacto co colectivo de actores para convocalos a unha xuntanza co obxectivo de explicarlles os detalles desta modificación estatutaria. Esta xuntanza terá lugar esta mesma tarde.
Jacobo Sutil lembrou que a devandita modificación estatuaria se atopa en fase de exposición pública, polo que animou os axentes do sector a colaborar e sumar as súas achegas en caso de que o consideren preciso. Insistiu en que este cambio non afectará á liña levada a cabo polo seu departamento e que desde a súa creación cumpriu cos obxectivos da Agadic reflexados no seu estatuto a través de diferentes accións e programas.
Entre esas accións, citou como exemplos as axudas á creación escénica, o proxecto Galicia Escena PRO ou Camiño Escena Norte en artes escénicas, as axudas á coprodución ou aos festivais no ámbito audiovisual e, no eido musical, a constitución do consello asesor de música ou o lanzamento este ano de axudas á produción fonográfica.