As Xonadas de Portas Abertas das Rutas do Viño acaban de facer públicos os carteis escollidos para promocionarse entre as máis de 60 propostas de 17 países que se presentaron ao concurso celebrado no marco da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda - Francisco Mantecón.
Jesús Barbeito e Álvaro Ortiz son os vencedores entre un total de 61 propostas de 36 deseñadores de 17 países tan diversos como Indonesia, Estados Unidos, Francia, Brasil, Bulgaria, Polonia e Rusia, así como de diferentes puntos de España.
Así, a imaxe das vindeiras xornadas, as novenas, é obra de Jesús Barbeito Rivas (Madrid) e a da edición do ano 2021, as décimas, corresponde a Álvaro Ismael Ortiz Albero, de Zaragoza.
O concurso é froito da colaboración entre Bodegas Terras Gauda e a Consellería de Cultura e Turismo para deseñar a imaxe publicitaria da iniciativa desenvolvida por Turismo de Galicia en colaboración coas Asociacións das Rutas dos Viños galegas: Monterrei, O Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras. O obxectivo é contribuír ao desenvolvemento turístico das cinco zonas vitivinícolas galegas.
O certame estaba dirixido aos finalistas e premiados da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda - Concurso Francisco Mantecón, que no 2019 alcanzou a súa 14º edición, erixido como o certame de deseño gráfico máis relevante convocado por unha entidade privada a nivel internacional. Desde o 2001, participaron máis de 18.000 carteis chegados desde 100 países de todo o mundo.
O xurado do concurso, presidido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, estivo formado polo deseñador gráfico Javier Jaén; Diego Areso, director de Arte de El País, e Santiago Bacariza, xefe da Área de Produto de Turismo de Galicia.